Rosalía de Castro, revolucionaria?

OPINIÓN

01 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo 15 de xullo lembraremos o 132.º aniversario do falecemento de Rosalía de Castro. En 1985, centenario do mesmo, celebrouse o Congreso Rosalía de Castro e o seu tempo, que supuxo a incorporación de relevantes achegas de diferentes estudiosos/as da obra rosaliana, tanto da Galiza como de fóra dela. Na secuencia bibliográfica sobre a escritora fundacional da literatura galega contemporánea, podemos situar, porén, en 1980 o inicio dunha nova tendencia na análise da personalidade e obra da nosa escritora. Naquel ano, recordamos os cen da publicación de Follas novas, a grande obra que certifica a validade da lingua galega para o repertorio máis amplo posíbel, unha especie de cifra de toda a literatura factíbel en galego, tanto nos seus cinco libros canto no ensaio que a encabeza, insuperábel na súa carga de definición e compromiso. 

Gardamos viva memoria dalgúns episodios daquel congreso. Por exemplo, como nos defendeu a doutora L. Grigera, profesora da Universidade de Michigan, cando salientamos o valor de Cantares gallegos como obra innovadora, na súa intención patriótica e na súa retórica, face a quen a consideraba máis un libro costumista, ao xeito doutros españois do seu tempo (de que, por certo, ninguén se acorda). Relevantes foron, por pioneiras, as intervencións de analistas como Antón Risco, Francisco Rodríguez, Kathleen N. March ou Shelley Stevens, só por citarmos algúns exemplos de especialistas nativos e foráneos. Lembramos, igualmente, a viva discusión que, no coloquio correspondente, se orixinou a propósito da novelística rosaliana. A doutora Marina Mayoral sostiña daquela que a narrativa da escritora respondía aos parámetros do romantismo serodio, valoración que contestamos apelando á riqueza, innovación estética e carga crítica da mesma, con exemplos senlleiros extraídos -e non só- de El caballero de las botas azules. Foi esta obra, xuntamente con Lieders e Las literatas, a que tivemos a honra de editar na colección Letras de Mulleres, após enteirarnos de que a previsión de «escritoras galegas» pasaba por incluír só Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. A nosa chamada de atención ao respeito e a rectificación propiciada por Pilar Rojo, conselleira de Familia na altura, e Marta González, directora do Servizo Galego de Igualdade, permitiron cobrir tal clamorosa ausencia inicial.

No fin dos oitenta, nos noventa e até os nosos días, a bibliografía rosaliana de valor non fixo máis que medrar, incluídas descobertas, inéditos e documentos decisivos. Unha outra cousa é que se coñeza, se recoñeza e se divulgue como merece, en nome do avanzo do coñecemento, da apropriación debida da figura da escritora e da necesaria socialización dunhas verdades, documentábeis como tais, que configuran unha identidade ben diferente da que unha tradición represiva transmitiu.

Rosalía de Castro, revolucionaria? Of course. Hai trinta anos, como mínimo, que está demostrado, á espera de que galegas e galegos, en primeiro lugar, e o mundo mundial, se enteiren.