Un novo Watergate?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Donald Trump afirma que substituíu ao xefe do FBI, James Comey, polo seu mal manexo da investigación dos correos electrónicos de Hillary Clinton, pero iso non llo cre ninguén. O sentir xeral é que o cesou por levar adiante a investigación que estuda se os membros da campaña de Trump conspiraron con Rusia para influír nas eleccións presidenciais do 2016. Así se reflicte en The New York Times, The Washington Post e tamén en The Guardian e demais prensa europea.

En Estados Unidos teñen moi presente que Nixon ordenou o cesamento de Archibald Cox, fiscal especial do caso Watergate. E a decisión de Trump levanta sospeitas.

Nixon non conseguiu frear as investigacións e non sabemos se Trump vai conseguilo. Andrew McCabe, o director interino do FBI, dixo que non hai un intento da Casa Branca de «impedir» a investigación, e prometeu que informará ao Congreso se hai «interferencias». Pero Sarah Sanders, portavoz do Goberno, dixo: «É hora de deixar atrás a investigación sobre Rusia».

Oxalá que haxa de novo xornalistas dispostos a arriscarse, como o fixeron Woodward e Bernstein no caso Watergate, e que apareza unha nova garganta profunda que filtre información, e que haxa xornais dispostos a avalar as informacións.

Así quedaría de manifesto a mellor función da prensa: a de informar con veracidade e con independencia, e a de denunciar a corrupción e os abusos do poder.