ÚLTIMAS HORAS - BLACK DAYS -
Suscríbete 1 año con el 50% de descuento
Quiero la oferta

Casares e a telemática

Xavier Alcalá
xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

12 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ocorre cada ano en que o Día das Letras Galegas se dedica a un autor, vimos coñecendo del múltiples facetas. Neste cumpriría falar de Carlos Casares e a súa relación coa telemática, tendo en conta que o 17 de maio tamén é o Día Mundial da Internet e a Sociedade da Información (antigo Día Mundial das Telecomunicacións).

A diferenza dalgún outro grande das Letras Galegas, Casares axiña se revelou partidario das novas técnicas que estaban a modificar a materialidade da Literatura. Fronte a un Blanco-Amor que se agarraba á Remington e desprezaba os ordenadores, o Carlos pronto andou a comentar virtudes das máquinas que permitían en principio redactar e corrixir sen estragar papel. Unha grande descuberta para el foi o ordenador portátil, e consultaba con frecuencia os entendidos sobre modelos e programas. Mais foi a PDA a de maior calado para quen facía crónicas diarias. Nun peto da chaqueta levaba unha, e no outro un teclado encartable. En calquera lugar tecleaba a columniña para La Voz.

Se puidésemos falar de persoas levadas pola Parca antes de tempo, logo veriamos o Carlos a protestar por non poder ter ido adquirindo e espremendo canto aparello e sistema telemático apareceu nos últimos quince anos. O laureado do 2017 ben merecería un título póstumo de «Usuario da Internet de Honra».