En Galicia, o país das chuvias que non cesan e da que sempre se dixo, nas tradicións antigas, que a «fame entraba nadando», facendo alusión ás colleitas derramadas por mor das precipitacións abondosas, tamén se podería dicir que é o país das secas. Agora, pero tamén desde que temos noticia delas na nosa complicada climatoloxía, xa que os que estudaron as rogativas pro serenitate (para que paren as chuvias) e pro pluvia (para que volvan) en Santiago e Pontevedra durante os séculos XVII a XIX atoparon que aínda que as primeiras eran as máis frecuentes, as segundas non deixaban de ter a súa importancia e transcendencia.
Claro que cando se fala das secas convén sempre diferenciar entre a seca climatolóxica, que é cando nun período determinado chove menos do que é normal; a seca hidrolóxica, que é cando os ríos, encoros e fontes están baixos de máis; e a seca agrícola, que é a que depende da auga que fica dispoñible no solo para as plantas. Normalmente están ben relacionadas, pero as veces hai que distinguir entre elas.
Este mes de abril que vén de rematar e no que practicamente non choveu nada é un dos máis secos que se lembran, polo que se podería falar dunha seca climatolóxica moi intensa para este período. No relativo aos encoros, como a auga acumulada neles ten memoria e depende tamén do que aconteceu nos meses anteriores, a situación aínda non resulta moi grave, pois o 12 % que teñen de menos fronte á media de anos anteriores non se pode dicir que supoña unha situación preocupante de momento.
Finalmente, con relación á seca agronómica, houbo unha importante diminución da auga do solo, que ten neste momento as súas reservas bastante por baixo da metade. Esta situación sería asumible se non fose pola inoportunidade do momento en que se produce: cando as praderías galegas deberían ter o seu máximo de produción. Por iso, resulta bastante crible a queixa dos gandeiros que falan de que as súas reservas en forraxe se perderon entre un vinte e un trinta por cento, cantidades que non serán recuperables xa neste ano e que comprometen a sempre fráxil viabilidade económica das explotacións.
Que vai a ocorrer a partir de agora? Se nos meses de maio e xuño chove, cando menos, o que é normal nestas datas, a situación poderíase recuperar parcialmente, pero se non é así empataríase coa seca dos veráns e o panorama sería desalentador. E se miramos cunha perspectiva de máis amplo alcance, por exemplo, a que nos depara o cambio climático para Galicia, habería que sinalar que a única tendencia clara que se aprecia con relación ás precipitacións é de que están a diminuír progresivamente as de primavera, maiormente os meses de marzo e abril.
Estamos, pois, nunha situación bastante complexa e preocupante diante da que non se deben adoptar medidas simplistas. Lamentablemente, estas medidas semellan ter bastante boa acollida, neste e noutros ámbitos, mesmo da política, destes tempos complexos e convulsos que nos tocou vivir.