Setenta e cinco

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

20 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

tía Coca sufría problemas de oído que se foron agravando cos anos. Xa contei o día que pensou que o nome do premio Torrente Ballester era, en realidade, premio Torrino. E todo polas visitas constantes ao otorrinolaringólogo. Era fácil confundir a Torrente co otorrino. Estas confusións ían en aumento a medida que acudía ás consultas médicas. Máis dunha vez saíu do otorrino dicíndome: «Neno qué bo médico é o teu amigo. Tenche ollo químico». De clínico a químico había un só paso. A Zubizarreta chamáballe Zorreta e a Goicoechea, O Chea. Eu creo que chegou un momento en que tiña a súa propia linguaxe, unha creación, e só os próximos eramos quen de interpretala. Á hernia discal dicíalle hernia fiscal. Ao escáner, escaño. E as pomadas que usaba tiña cadansúa un nome distinto ao que figuraba na etiqueta do envase. Todas menos unha: o Canestén. É un ungüento que se emprega para os picores. Ela era consumidora habitual deste produto que citaba correctamente, sen cambiarlle nin unha soa letra. E todo por unha visita médica, como tantas veces. Na consulta, o médico, moi amable díxolle: «Señora Concha, ten que dar esta pomada tres veces ao día». E a Coca, mirando ás nubes, non contestaba. O médico díxolle o nome: Canestén. Como percibiu que a miña tía non escoitaba, pronunciou o nome máis alto: Canestén!!! Pero ela seguía prendida do teito, ignorando as palabras do doutor. Este, moi profesional e querendo que ela coñecese a pomada, chegou a gritar: Ca-nes-teeeen!!! A tía Coca deixou de mirar o teito e con cara enfadada gritou tamén: Setenta e cinco, que non estou xorda, carano!!! Se Torrente era Torrino, facilmente é entendible que entre Canestén e «qué anos ten» ganase a segunda.