180 anos do nacemento de Rosalía de Castro. De escritora interceptada, en vida e post mortem, a convenientemente anestesiada para posibilitar o seu encaixe na cultura española dominante e no seu satélite galego. A ortopedia violenta á que foi submetida a súa obra é solidaria do papel reservado para a Galiza: pasiva, resignada e lacrimóxena. Hoxe, mudou notoriamente a percepción. Xa sentimos falar con toda a naturalidade de preclaro feminismo, de radicalidade ideolóxica, de profundidade poética (Laus Deo!; caro custou!). Asentado como tópico que a mellor homenaxe que a un escritor se lle pode tributar é lelo, animemos a súa leitura, mais na intelixencia de que a obra rosaliana é extraordinariamente rica e complexa, como a de todos os clásicos, froito dunha muller con ampla e densa cultura, dona dunha escrita fondamente intelectual e reflexiva (Carvalho Calero, Francisco Rodríguez), que usou da lingua galega para todo o repertorio temático, que rompeu, en fin, o tácito «Reservado o dereito de admisión» para coa lingua galega, a escrita feminina admitida e as marxes da poesía.
Non hai expresión de patriotismo galego máis fonda e inequívoca en todo o XIX. É a iniciadora do ensaio na literatura galega, cos prólogos que anteceden a Cantares gallegos e Follas novas. Se ben se ler, é ela a mellor advogada de si mesma e a única en conceder carácter protagónico ao seu povo e, nel, á maioría social feminina, representada no 90 % por traballadoras do campo e do mar. Ruralismo?: non; épica da clase social sostén da sociedade. O seu verso alberga lírica, redefinición da épica, teatro, poesía dialóxica, discurso filosófico, narratividade, audacia innovadora na métrica. Endexamais demitiu do seu afervorado amor ao país e do dereito a existirmos como tal. Foi contundente no retrato do ofensor, do agresor, dando voz ás vítimas e elevándoas á categoría de auténticas heroínas. É autora de cinco novelas, de leitura imprescindíbel para comprendela cabalmente.
Moito se comentou a decisión de, á súa morte, ordenar queimar os escritos non publicados. Moito menos, a evidencia palmaria: por que non o foran? Porque non tiveron editor, obviamente. Ela viveu agudamente na súa persoa o silencio e o isolamento que merecen os que «traspasaran os seus limites». Fíxoo cunha total independencia de criterio e liberdade máxima até onde a censura permitía publicar. Ben se lle pode aplicar a sentenza de Emerson aos Essais de Montaigne: «Cortade esas palabras, e sangrarán; son vasculares e están vivas». Mais, grandilocuencias á parte, para quen moramos na Coruña, reparemos na arte urbana. Felizmente restauradas as estatuas de Concepción Arenal e de Emilia Pardo Bazán, díganme, se a coñeceren, onde se atopa a dedicada a Rosalía de Castro. Non busquen no centro. Na periferia inadvertida. Elocuente metáfora. Símbolo afectivo? Como non. Centro luminoso dunha Galiza política que aínda non existe, tamén. Non a retallemos á medida da nosa pequenez.