Vacas, leite, lácteos

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

03 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces temos a tentación de preguntármonos se o país do millón de vacas non se ten convertido nos país do millón de cans. Por mais que son as noticias quen nos lembran que vacas hainas, e mesmo sosteñen elas e os gandeiros boa parte de Galicia. Seguir os traballos publicados nos Cadernos do Consello Económico e Social de Galicia, do Foro Económico, ou os trinta anos de A Economía Galega, informe anual do Idega, soportan non só o coñecemento esmigallado, senón acaídas análises do leite e o agro, entre as que sobrancean as do profesor Edelmiro López e, dende a industria, as de José Luis Antuña, de Feiraco.

Seguindo ese fío sábese que nestes trinta anos o número de explotacións gandeiras baixou de cen mil a menos de dez mil, e que con menos explotacións conseguiuse que o leite entregado á industria duplicarase, chegando ata os 2.500 millóns de litros. Da importancia dos gandeiros e das vacas dá conta que son as explotacións lácteas quen xestionan o 35 % da superficie agraria, e que Galicia produce o 40 % do leite de España, sendo unha das dez primeiras rexións lácteas da UE.

Tamén hai sombras. Non é menor a dependencia de forraxes industriais, ou o modelo intensivo da produción que resta contido en graxas e proteínas, fundamental para transformados, e o escaseo de terras e a necesidade dunha política agraria de reformas sobre a propiedade e a transmisión de terras. Tamén a debilidade da nosa industria láctea, ata o extremo que a industria só aporta 26 céntimos por cada euro de VEB da produción láctea galega, exportándose en bruto para transformar fóra unha terceira parte do leite producido en Galicia, e que non conta cunha política industrial de inversións, fronte os 5.000 millóns que fixo nestes tres anos a industria láctea europea.

Podería seguir contando desta vizosidade das nosas vacas e dos nosos gandeiros, mais poden gozar con elo na rede, por exemplo na ResearchGate, e seguir alí traballos de investigadores galegos que lles poden dar outras visións de Galicia.

A noticia da concentración de tres cooperativas galegas, Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, nunha de 3.600 socios e o 15 % do mercado lácteo, convértese nun chanzo para eliminar ineficiencias que levan a que en España as cooperativas só comercialicen a terceira parte da produción, fronte ao 60 ou 80 % noutros países da Europa. Queda acompañalo de políticas industriais, de reformas agrarias, e de estratexias de mercado. José Luis Antuñas sinalou que o leite é un commodity global, e serán os países emerxentes os grandes demandantes, mais para aproveitalo cómpre deixar de actuar no local. Sen elo perderemos a ocasión do porvir, e seguiremos sabendo de tractoradas. A iniciativa privada coa unión das tres cooperativas poder ser empresa tractora e os directivos na xestión e os investigadores nas análises, potenciadores de liderazgo. E permitírmonos soñar con Galicia se o Goberno de Feijoo acompaña con siso.