As loitas polo poder en todo tipo de organizacións (universidades, hospitais, cargos do Estado, empresas...) son un feito cotián (el ángel fieramente humano). O poder é un instinto, e leva ademais consigo privilexios, entre eles, normalmente salarios máis elevados.
Se o número de postos a cubrir é escaso, e entre as persoas postulantes hainas sen traballo ou con salarios máis baixos que os do posto ao que se aspira, as cotenadas, as cambadelas, os cambios de alianzas, as deslealdades poden acadar cotas elevadas («Yo por mi hija mato», que dixo Belén Esteban).
Os partidos políticos non escapan a esta lei de ferro. É máis, dada a súa peculiaridade como organizacións onde a meritocracia non é precisamente a principal razón para cooptar a unha persoa (tampouco, non nos enganemos, noutras organizacións, como as universidades, e dende hai algúns anos tamén nos hospitais), é un campo agromado para estas loitas.
Se engadimos as diferenzas ideolóxicas entre as diversas ás, no caso dos grandes partidos, a papa para que os conflitos internos medren ata a altura do Etna, baixo cuxa sombra escribo este artigo, está servida.
Este marco xeral afecta a todos os partidos políticos, pero faise máis explícito nos momentos de crise e nos partidos máis transparentes, onde as diferenzas, as liortas e as pelexas polo poder ventílanse á luz pública. A cuestión faise visible ata un punto en que pode resultar insoportable para os cidadáns/electores, e pasar a prexudicar as expectativas electorais do partido en cuestión. Os cidadáns queren que os partidos políticos ocupen o seu tempo en solucionar os problemas do ben común que lles afectan, non os propios dos partidos, o que, por outra banda, é inevitable, aínda que se pode e se debe modular.
Nesta situación está agora o Partido dos Socialistas de Galicia, unha situación que non é nova, nin no PSdeG nin no Partido Socialista Obrero Español -cabería recordar as graves, as terribles liortas de Largo Caballero e Prieto, de Prieto e Negrín, de Llopis e Felipe González, de Felipe González e Alfonso Guerra, de Sánchez Presedo e Paco Vázquez, de Paco Vázquez e Touriño...-. Nada novo baixo o sol, pois. Son as longas vésperas da desaparición dos socialistas, para desesperación de moitos augures, que non ven cumpridas as súas profecías e desexos.
Mais se o PSdeG segue a dar o espectáculo que está dando, nesta situación de cambio político, de incerteza, de novos actores -aínda que é certo que non se sabe ben o que poden dar de si-, esas profecías, para ledicia dos profetas menores, poderían verse cumpridas.
Por iso é imprescindible, seguindo tamén a antiga tradición dese vello partido, que todas e todos os socialistas se agrupen encol do candidato á Xunta elixido inequivocamente polos militantes -Xaquín Fernández Leiceaga-, porque se non é así, corren o risco de derramar este instrumento imprescindible para as clases medias e para as clases populares que é o Partido Socialista.