O gran espectáculo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

07 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o barón Pierre de Coubertin (1863-1937) comezou a predicar no segundo terzo do século XIX a posibilidade de recuperar a tradición dos xogos olímpicos, os grandes acontecementos relixioso-deportivos que marcaban os tempos da antigüidade na cidade de Olimpia (entre o ano 776 a. C. e o ano 393 d.C.), as ideas básicas que o inspiraban eran a paz e a educación. Coubertin era fillo de militar, o seu pai quería para el a carreira das armas, mais o rapaz derivou cara á pedagoxía. O proxecto de reconstruír o alento das Olimpiadas, a gran tregua das cidades gregas arredor da competición dos atletas, cadraba co discurso da hixiene, o vigor e a disciplina corporal que temperan o espírito, tanto dos individuos como das sociedades (mens sana in corpore sano). Coubertin é autor de varios tratados nos que se relacionan moi especificamente a ximnasia e o deporte (mesmo o deporte competitivo) coa formación da personalidade e os valores humanos máis solidarios e universais.

Recoñezamos que, cento vinte anos despois da primeira celebración dos xogos olímpicos modernos (Atenas, 1896), o espírito de Coubertin algo leva mudado. Onte quedei ata ben entrada a madrugada presenciando a inauguración dos xogos no estadio de Maracaná. Sen demérito de atletas e competidores, se tivese que salientar os principios que arestora inspiran o gran acontecemento non dubidaría en salientar outros dous ben distintos: o diñeiro e o espectáculo, un gran espectáculo planetario, instalado no universo da tecnoloxía, que move miles de millóns de euros. Seica neste caso, 12.000 millóns declarados, algo menos que nos anteriores xogos de Londres (14.000 millóns). Para cubrir críticas, co país inmerso nunha crise económica que anuncia unha profunda recesión, ademais de escandalosas desigualdades sociais, os organizadores advirten que, con todo, a cerimonia inaugural de Río de Janeiro non chegou á décima parte do que se gastou na capital británica no 2012. A cerimonia londinense seica sumou daquela arredor de 43 millóns de dólares.

Son os tempos. A primeira vez que se utilizou de xeito masivo a nova tecnoloxía da comunicación (satélites) foi nos xogos de Tokio, no ano 1964. Logo, poucos anos despois, na retransmisión dun concerto de Elvis Presley dende Hawai para todo o mundo. Non sabemos de tregua ningunha para garantir a paz mundial durante estas dúas semanas de competicións, mais ben, despois da cita de Múnich sobre todo (en 1972), cabe pensar o contrario: o acontecemento constitúe un inmenso escaparate de propaganda (para todo tipo de discursos) que obriga a un altísimo custo en sistemas de seguridade. As nacións deixan no faiado os escrúpulos (Rusia) e as audiencias esquecen prioridades. Son os tempos, repito, e os avances tecnolóxicos móvense por razóns moi concretas: o negocio ou a guerra. ¿Algunha vez non foi así? O espírito de Coubertin era outro: un idealista que predicaba a paz e cría nos efectos da educación, e que entendía o deporte como parte da formación dos seres humanos e, xa que logo, da cultura.