Dá de cheirar a quen pasa?

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

21 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Da miña infancia pontevedresa hai dúas cousas que lembro con especial significación: a aparición do primeiro televisor nun escaparate de electrodomésticos da rúa Michelena, nos primeiros anos 60, e como era a ría antes da Celulosa. Dos primeiros televisores nos cafés lembro as tardes de domingo nas mesas do Moderno, na compaña dos meus país. Da luz da ría acórdame a praia das Cocheiras e a miña nai levándonos da man polo areal, ao meu irman e mais a min, contra a punta dos Placeres, onde Montero Ríos ordenara construir a principios de século unha residencia de invitados, logo Gran Hotel, co que pretendía facer competencia ás instalación de A Toxa. O proxecto de hotel acabou máis tarde en colexio interno de señoriñas distinguidas. A desfeita ecolóxica da ría veu marcada por dúas instalacions: a factoría de Tafisa en Monteporreiro, que queimou todos os fondos mariños e mesmo levou por diante dúas pequenas illas que había fronte a vella xunqueira, e a factoría Ence. A primeira xa non está, e acaso iso permita a recuperación dunha parte importante do patrimonio natural pontevedrés. A segunda, que semellaba ter os días contados, acaba de recibir do Goberno en funcións do presidente Rajoy unha prórroga unilateral de explotación nada menos que para outros 60 anos, ata o 2073. Nos primeiros anos do pasado século, a banda de Lourizán podía considerarse unha milla de ouro da época. Ao abeiro da residencia do político galego acudían daquela a esta banda da ría académicos como Manuel del Palacio, xente ilustre do teatro como Jose Echegaray (Premio Nobel de Literatura en 1904), a actriz María Guerrero, o xornalista e político Alfredo Vicenti? Era a Pontevedra do marqués de Riestra e a Restauración, os traballos de Perfecto Feijoo e Casto Sampedro, a Sociedade Arqueolóxica, as Femeninas de Valle-Inclán, o álbum Nós de Castelao, os estudos de folclore que promovía Emilia Pardo Bazán? A praia de Cocheiras era un enorme areal que se extendía de Mollbao a Estribela, cun dos asentamentos de marisco máis ricos que se recordan. Abofé que resulta sorprendente a decisión do Goberno. Non é a primeira vez que, aproveitando o período en funcións, se toman decisións deste tipo. O argumento é coñecido: postos de traballo, explotación económica da industria da madeira (eucaliptos sobre todo). ¿A beneficio de quen? ¿Alguén puxo enriba da mesa outras posibilidades para o desenvolvemento estratéxico da zona? Hainas. Pero ninguén nos deu opción a discutilas, cuestión á que a cidadanía ten dereito, alén de decisións unilaterais. ¿Podemos imaxinar a ría doutra maneira: explotación turística e residencial, explotación marisqueira, recuperación de recursos naturais, usos públicos?? Podemos. Pero ninguén nos dá esa opcion, repito, nin sequera para discutila, ou mesmo para sometela á opinión dos pontevedreses. En chegando o tempo dos maios, os rapaces cantábamos coplas coma esta: «Pontevedra é boa vila / dá de cheirar a quen pasa/ a Celulosa na ría/ e o peixe podre na praza». Nestas seguimos.