Rebumbios de monicreques

OPINIÓN

15 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso como un espectáculo de monicreques pode dar lugar ás inimaxinables titiritadas da prensa da caverna, dos políticos cavernícolas (e outros que non deberan selo), todo por riba dos graves problemas que temos e que seguiremos tendo. Rebumbio procurado case seguro para que nos esquezamos do que se nos vén enriba.

Non é tan só un caso de ignorancia, de incultura ou de xente asilvestrada (que pode que tamén). Ninguén é tan inculto e tan bárbaro para descoñecer que unha cousa é a obra de creación e outra a realidade inmediata, nin pode ignorar o que é unha parodia en tempos de Entroido, nin a crítica festiva nestas e noutras calendas.

O sentinela de Occidente -o invicto Caudillo, de quen traen causa os alporizados e ofendidos cos monicreques madrileños- prohibira as festas do Entroido porque o seu escaso sentido do humor non aturaba a crítica, a parodia ou a risa: podía ser el o criticado -a quen se lle podería ocorrer tal cousa!-, ou o parodiado -quen tan ousado!-, e a risa era sempre sospeitosa, porque ben puidera ser expresión de felicidade.

Mirade por onde un espectáculo de monicreques, con tanta tradición no país, se volve unha xeral titiritada. E todo por non ter o que cómpre: «inteligencia y corazón limpio», como xa García Lorca reclamaba para o público da súa obra Retablillo de Don Cristóbal coa finalidade de comprender ben a linguaxe forte e violenta dos monecos da súa peza.

Disto, ao cabo, é do que se trata: de ter a mente limpa e non embazada pola miseria e pola ignorancia, principais carencias e notorias eivas de tantos sectores da nosa inculta e bárbara sociedade, aos que con tanta propiedade definiu o sempre sabio e lúcido A. Machado como «mala gente que camina/ y va apestando la tierra».