Ferrol, anos feos da Longa Noite de Pedra. Nunha casa da Porta Nova, no segundo andar, moraba don Miguel o médico, católico e caladiño coma calquera depurado; no de enriba, don Miguel o farmacéutico da Armada, directivo de Cáritas e falangueiro. Fóra de portas, alén do fielato do Vilar, exercía un crego novo, do que as damas fuxían pois andaba sen sotana, «entre xitanos». Con todo, as fámulas das casas que el visitaba en Ferrol dábanlle o «don» de respecto. Detíñase a falar -en galego- con elas, e para os nenos das familias era unha festa que aparecese, polo simpático que era.
Os obreiros chamábanlle «o cura Chao» e tamén Pepe Chao. ¿E para que aparecía nas casas dos pequenos burgueses? Viña pedir. Sempre pedía: medicamentos, visitas médicas, cartos, movementos a favor dalgún detido... Os rapaces das casas visitadas descubriron que había moita xente na miseria: os pais non podían ocultarlles tantas peticións do crego de Santa Mariña.
Dez lustros despois, eses cativos verifican por un informe de Cáritas que o mundo non mudou, que a pobreza en España se cronificou, palabra que usaban o médico e o farmacéutico protectores do cura Chao; e pregúntanse o que haxan comentar aqueles tres vellos no seu recanto do Alén, onde moran os espíritos irmandados -por cima das ideoloxías- na caridade.