«Brussels in black»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Black é o filme de moda na capital da Unión Europea. O anuncio, rechamante, amosa un rapaz branco e unha rapaza negra a punto de se bicaren. Perecería que desenvolvese unha historia de amor interracial, pero, ao ver nos créditos os nomes dos directores -Adil El Arbi e Billal Fallah-, comezan as sospeitas: aí hai algo de árabe. E haino: trátase dunha frouxa versión de Romeo musulmán e Xulieta cristiá (causante de disturbios, que a policía reprime con rigor, e da interrupción de proxeccións en Kinepolis logo da estrea).

A poboación musulmá da Babel bruxelense dispárase en relación ás de culturas cristiás, europea ou africana. Os varóns aínda disimulan, mais as mulleres cantan ao mundo a súa condición: unhas van cubertas cun sudario negro e lentes escuros para que nin os ollos se lles vexan; no extremo máis europeizado, mozas coa cabeza envolta nun pano expoñen modestamente as formas do corpo. Ora, todas son campioas da maternidade; e os seus imáns insisten: «Venceremos cos ventres das nosas mulleres». Vencerán mais -como diría Unamuno- non convencen pola súa cerrazón, polo seu empeño en degolaren carneiros en contra da lei belga, por obrigaren a que o Exército garde os edificios e a que as barreiras de arame de pugas enfaden os viandantes. Na rúa hai temor a unha Brussels in black.