Trigo limpo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que non se ofendan os pais da Igrexa, pero Cristo, que era para os romanos un revolucionario separatista, non parecía trigo limpo. María Magdalena tampouco, evidentemente, nin san Pedro (algo traidor), san Pablo (virachaquetas), Santiago (matamouros) ou san Agustín (antes da conversión). Sempre considerei fermosa a querencia da Igrexa polos errados, enfermos, marxinados, incomprendidos, pobres, desterrados e tristes de toda caste; esa crenza, tan cristiá, de que os que non son trigo limpo tamén son de Deus. Por iso hai santos que antes de selo eran do peoriño, e por iso Cristo se crucificou rodeado de ladróns e chorado por mulleres, que na sociedade palestina do século I eran malas por definición.

Así que, tecnicamente, monseñor Cañizares é moi pouco cristián cando sinala co dedo aos milleiros de refuxiados que cruzan penosamente as nosas fronteiras fuxindo da guerra, cando decide colocar a dúbida riba das súas cabezas, e cando lembra a lenda de Troia para vir dicir, en resume, que os infieis nos invadirán. Ou sexa, que a xerarquía eclesiástica pasa de aplicar iso de que «O que tiver bens deste mundo e vise o seu irmán pasar necesidade e lle pechase as entrañas, ¿como está a Caridade de Deus nel?» (Xoán 3:16), e propón darlles as costas para que a guerra, os terroristas a policía húngara acaben con eles. Supoño que para o señor Cañizares aquel neno morto da praia que se nos cravou na retina non era trigo limpo: para non fuxir de nada, monseñor, bateu cun fin ben triste. Menos mal que xa Cristo nos avisou de que, en fin, os fariseos campan nas xerarquías, e menos mal que aínda quedamos as ateas para ler a Biblia e pór un pouco de sentidiño cristián.