Isto parece máis unha peli de marcianos que unhas eleccións. E non serei eu quen diga que me parece mal que Cataluña se independice. Todo o contrario, alédome, pois parecen ter moi clara a vocación de navegar contra corrente, intrépidos, nos tempos nos que se adoita postular a fin do Estado-Nación. Si, agora que outras nacionalistas desexaríamos a revisión do concepto «Estado membro» dentro da UE, aí están eles, loitando para lograr o soño independentista que os librará do demo pintado que non é Siria ou Corea do Norte, senón España.
Cando as eleccións neste país non estaban organizadas por líderes extraterrestres e tiñan un mínimo nivel discursivo, os nacionalistas sabiamos que a prioridade non era a secesión senón o autogoberno, que son cousas ben distintas aínda que parezan o mesmo. Porque eu, que son atea e non creo en que, en campaña electoral, haxa vida intelixente nin dentro nin fóra deste planeta, considero un pouco enganoso crer que os mesmos que gobernaron unha comunidade autónoma e foron corruptos, ineficaces, mentireiros e derrochóns, van mudar nas vinte e catro horas que van do 27 ao 28 de setembro e volverse, por obra e graza do Advenemento da Santa Independencia, uns anxos.
En fin, que eu, que son unha nacionalista convencida e non me gusta nada que me dean paternalistas leccións de democracia, creo que é un pouco triste xogar así coas ilusións de tanta xente para, en fin, librarse dun xuízo verdadeiramente democrático, que é a avaliación das formas de goberno. Porque, ¿que pasará cando a República de Cataluña esperte unha mañá para decatarse de que o dinosauro seguía alí?