Saudades de Bruxelas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

15 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Agosto, Bruxelas baléirase. A rue de la Loi e a rue Belliard caen nun silencio denso; na praza de Luxemburgo os turistas -poucos- substitúen as masas de persoal do Parlamento Europeo. É tempo de invasión da Grote Markt, de xaponeses (e chineses ultimamente) a tirar selfies, mentres veciños flamengos cervexean a modo fronte aos estanques da Sint Katelijnplein.

Pasadas dúas semanas de vacacións, a xente que adoita pulular pola capital da Unión Europea comeza a ter morriña de escoitar vinte idiomas ao tempo, de facer networking e lobbying en Eurenglish. Os funcionarios da Comisión Europea fóronse veranear deixando prontas as convocatorias dos concursos do programa Horizonte 2020, e por exóticas praias escóitanse anacos de conversas telefónicas sobre propostas e formación de consorcios: son científicos a tratar do seu negocio, que produce o diñeiro intelixente, humanista.

No entanto hai quen renega da Unión Europea, de palabra e por escrito, co ollar posto na troika insidiosa. Os ingleses falan de marcharen... mais non todos. Ben deles saben que, de desmontarmos a Unión, algún día teriamos maiores saudades de Bruxelas: alí é onde se decide sobre o programa cadro de ciencia e tecnoloxía. De alí chega o diñeiro para que ingleses e gregos poidan investigar xuntos, nos mesmos consorcios europeos.