Xoves nove de xullo, Cea Literaria en La Voz de Galicia para coñecer a novela que gozaremos cada día do mes de agosto. Escribimos. ¿Para que? Para habitar o deserto, para non estar máis sós e para defendérmonos da tentación da Nada, dicía Gesualdo Bufalino. Para que un nordés abisal, vento frío, non o borre todo. Para estar cerca de ti. Para que o mundo sexa menos gris e os homes menos grises e as pinturas de cor alegre ganen a partida á cinza. Para que o olvido non venza. Escribimos para que nos estimen. Porque Pedro Páramo algún día encontrará o amor de Susana san Juan entre as ruínas de Comala. Para que os intolerantes, fanáticos, canallas e canallerías, non queimen outra vez a biblioteca de Alexandría ou derruben as estatuas de Palmira. Para que o barbeiro e o cura non fagan desaparecer, entre muros de tristeza, os libros de Alonso Quijano. Escribimos para que Galicia, a beleza, exista. Para que non nos pise o desencanto. Para que o desencanto escape do noso adentro cando as lágrimas penetren, insistan, perduren. Escribimos porque haberá alguén no mundo que goce coas palabras que escribimos. Para amar, escribimos. Para que os fillos soñen con trasnos, Alicias, frautistas e simpáticos lobos cando contamos contos con final feliz. Para non morrer, si, escribimos. Para compartir a esperanza entre derribos. Para congregar en rebelión aos ilusionados, entusiastas, débiles de musculatura e vigorosos de corazón. Escribimos para que nunca te sintas só. Para que a intelixencia perdure e a ditadura da ordinariez expire. Para querérmonos. Escribimos conscientes da propia inutilidades e sabedores, por fin, de que só as cousas inútiles importan. Por iso, inutilmente, escribimos.