Un voto para a esperanza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

21 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguen os nervios. Ata agora o proceso é de manual. Cada vez que se produce un cambio, os axentes dominantes instalados no sistema reaccionan contra a inestabilidade que os descoloca. Non se interprete o comentario coma descalificación. Quen isto escribe forma parte tamén do sistema, e a preocupación témola todos, porque os cambios desacougan, obrigan a reformular relacións, revisar condutas, plantear novos modos de actuación, repasar valores, establecer prioridades? Dun xeito ou doutro, todos nos retratamos. Tal como era previsible entramos agora na operación lupa. Diante da nova situación, prácticamente sen estrear, todos os ollos tenden a concentrarse nas características dos recén chegados.

A máquina mediática, as oficinas de comunicación dos partidos (dos vellos partidos sobre todo), ese invento novo que todo o axita e acelera: as redes sociais, lánzanse á procura de sinais, avisos, sospeitas, declaracións (dentro e fóra de contexto) para situar, e se for posible, descalificar ao adversario que ameaza o modelo. Irremediablemente, os novos perden a inocencia (a virxinidade) e os vellos tenden a levantar toda clase de sinais que, na medida do posible, desestabilicen as novas ofertas e así, de paso, oculten as razóns de fondo do problema. ¿Por qué chegamos a esta situación? Esta é a pregunta que deberiamos facer, a prol da saúde democrática, no canto de querer disimular as vellas vergonzas con posibles vergonzas alleas. ¿Por qué chegamos a esta situación?

A corrupción, a degradación democrática, a desafección social, a desigualdade (que é unha forma de inxustiza), o distanciamento dos partidos respecto da sociedade, a soberbia dos que crían poder detentar o mandiño impunemente, son realidades obxectivas que explican o que está a suceder. Tamén a falta de comunicación e de padagoxia política. Por non falar da desaparición de proxectos colectivos, substituidos pola actuación endogámica de organizacións que se convertiron en oficinas de colocación pendentes máis dos intereses particulares dos grupos dominantes (políticos, financeiros, económicos, sociais) que dos intereses do común. Tal é a cuestión de fondo que cómpre abordar. Con xenerosidade e prudencia. Mais tamén coa necesaria autocrítica (e as actuacións que cada caso require). Prudencia e xenerosidade por parte dos novos, que non son espíritos puros e deben entender que cada xesto, cada pronunciamento, ás veces mesmo os aparentemente menos relevantes, teñen significación. Autocrítica por parte dos vellos, que teñen a oportunidade de revisar modelos e condutas, non para agachar desperfectos, senon para correxilos.

O que nos está a suceder é o resultado de realidades obxectivas que se viñan acumulando de atrás. A paciencia social, con ser grande, non é infinita. Mal faremos cerrando os ollos ou mirando para outro lado, coma se non tivésemos culpa de nada. A democracia, que é o goberno de todos, non é un regalo dos deuses, nin un privilexio que administran uns poucos, senón unha conquista heroica de cada día.