Mangos e panos

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

15 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tes que soster unha cafeteira quente, é mellor non romperlle o mango ata que esteas seguro de poder obter outro igual de útil e práctico, ou, polo menos, ata que teñas un pano de cociña a man». Con esta simpática metáfora, empregada nun dos seus discursos parlamentarios, Churchill deu conta á vez da efectividade da súa retórica e do seu conservadurismo, deixándonos unha expresiva prevención fronte a adopción de cambios precipitados cando as cousas máis ou menos van funcionando. É evidente que unha das cuestións políticas de maior actualidade é o descrédito do funcionamento dos partidos políticos e, dada a proximidade de varios procesos electoriais, da forma de elección dos seus candidatos. Deixando á marxe o caso norteamericano, no que os partidos políticos unicamente aportan o paraugas dunha marca a persoas que se postulan para competir por cargos públicos cos seus propios medios materiais e personais; nos partidos políticos das democracias representativas a elección de candidatos, e en xeral de líderes, adoita facerse por mecanismos de elección democrática indirecta: un grupo de afiliados, máis ou menos amplo, e que foi elexido polo conxunto da militancia, determina, dacordo cun regulamento tamén aprobado democraticamente, quen representa ao seu partido nunhas eleccións.

Este sistema ten dúas importantes vantaxes. En primeiro lugar, xera menos tensións internas e favorece (na medida en que hai varias listas, ou nas listas varios postos) a integración do conxunto das sensibilidades internas da organización. En segundo lugar, hai un forte incentivo para a selección de cabezas de lista con opcións de gañar as eleccións, pois quen os nomean se xogan en boa medida con esa selección o seu creto na organización. De feito, unha perda electoral é o método máis habitual de renovación das élites nos partidos políticos. E ten algún inconveniente, relacionado co risco de que os dirixentes prefiran elixir candidatos afíns ou de baixo perfil político que non cuestionen o liderado da esa élite dirixente no futuro.

Precisamente cando este sistema non outorga bos resultados a un partido, que comproba que perde apoios electorais elección tras elección (como lle ocurríu a PSOE e IU); ou cando aparece unha nova forza que trata de distinguirse das tradicionalmente vencedoras (Podemos), a fórmula das primarias preséntase como unha alternativa atractiva polo seu carácter aparentemenete máis aberto e participativo. Pero as primarias presentan tamén problemas, e non menores. En primeiro lugar, non todos os candidatos que concurren a unhas primarias teñen as mesmas oportunidades. Nos EEUU a diferenza ven dada pola capacidade de recadar fondos; en España polo apoio que dea a propia organización (permitindo ou non acceder aos censos de militantes; fixando número de avais; autorizando afiliacións masivas inesperadas, etc.), ou pola proxección mediática dos contendentes. Os procesos de selección de líderes locais e autonómicos de Podemos dan boa conta da importancia de ter, ou non, as bendicións do círculo dirixente; ou de estar, ou non, nas tertulias das televisións.

En segundo lugar, e precisamente por tratarse dunha competición entre correlixionarios na que algúns teñen vantaxe sobre outros, as primarias, ao revés que a selección indirecta, lonxe de favorecer a integración e o acordo dentro dos partidos, provoca a exclusión dos perdedores da estrutura de mando da organización. Finalmente e en terceiro lugar, como para gañar a nominación hai que obter votos entre a militancia, xeralmente máis radicalizada ideolóxicamente que o conxunto do electorado, as primarias auspician a elección de candidatos máis alonxados das preferencias do conxunto da cidadanía. O verdadeiramente importante, en fin, é que a selección de candidatos sexa, como manda a Constitución, democrática; e que nesa cuestión hai no noso país terreo para mellorar, con independencia de que se opte pola selección indirecta de candidatos ou polas primarias. Pero de inclinarse por estas últimas, e vendo o que lles está a pasar en Madrid a socialistas e IU, eu lle recomendaría aos adalides das primarias ir facendo bo acopio de panos de cocina. E a ser posible; superabsorbentes. Unha cafeteira sen mango queima de carallo.