En 1941 Pío XII concedeu a Franco o chamado «Privilexio de Presentación», polo que lle permitía propor seis candidatos aos bispados vacantes, dos que o Papa elixía tres e da terna Franco nomeaba o titular. O caudillo puido contar así cunha xerarquía eclesiástica compracente co réxime, e no concordato de 1953 ratificou o control, concedendo á Igrexa privilexios legais e económicos.
O Concilio Vaticano II invitou aos xefes de Estado a renunciar ao privilexio, e en maio de 1968 Paulo VI pediullo a Franco nunha carta que o nuncio Dadaglio lle levou ao Pardo. Franco, sorprendido, respondeu:
-Lo que se me pide es sumamente grave.
Despois argumentou que o Vaticano non entendía España; que acollía a oposición ao réxime e que moitos sacerdotes participaban en actividades subversivas. O acordo non foi posible e, morto Franco, o ministro Areilza traballou arreo para acadalo nun novo concordato; pero nin o presidente Arias, que non ocultaba a súa «visceral repugnancia a tratar con el Vaticano», nin o secretario de Estado, monseñor Casaroli, parecían interesados.
O 15 de maio de 1976 o rei enviou ao Papa unha mensaxe polo marqués de Mondéjar, comunicándolle que renunciaba ao privilexio.