Cobremos nós as nosas multas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

31 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns empezamos a estar fartos de pagar multas por dúas razóns: porque aos galegos póñennos máis que a media española e porque como é evidente que as pagamos, cada vez nos poñen máis sistemas de control para pillar as nosas infraccións. Vai sendo hora de exercer a autonomía, o noso autogoberno neste asunto e solicitar as transferencias de Tráfico ao Goberno central. A cifra que dá este xornal, segundo os datos de 2011-2014 é que a Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior cargou aos galegos en multas un 43 % máis do que a media española. Non creo que teñamos un 43 % máis de capacidade infractora que a media estatal. Pagamos máis porque temos máis radares e contrólannos máis. É ben curioso, porque para outras cousas estamos lonxe do centro, acó no Noroeste, na Fisterra onde hai que ir adrede e desde a que -coida o pensamento centralista- non se vai a parte algunha. Só nos superan en multas por habitante os desertos demográficos (as Castelas e Aragón) que rodean Madrid, mentres que esa provincia é a penúltima en recadación por multas por automobilista. O que non se entende é o da capital do Estado, que non só é a comunidade proporcionalmente máis poboada, senón que en virtude do vello e persistente sistema radial de comunicacións, centraliza grande parte dos desprazamentos Norte-Sur e Leste-Oeste da península Ibérica.

Algo anda ao revés neste conto se comparamos a recadación por multas cunha medida clásica e sinxela como o PIB. Porque en termos de riqueza non se entende, ou sexa: ou os galegos somos máis ricos do que dicimos -o que sen dúbida é certo- ou simplemente nos controlan máis porque somos boa fonte de recadación. Imos ver: en termos absolutos de recadación por multas, Galicia é a terceira comunidade (despois de Andalucía e Castela e León) e Madrid é a sexta, pero en PIB total Galicia é a sexta autonomía e Madrid, que é a segunda, multiplica o noso produto por 2,5; en termos relativos somos os cuartos en multas, pero en PIB por habitante ocupamos o posto once, case 1/3 menos que Madrid.

O colmo deste conto vello son eses tres novos radares de tramo con que nos agasalla o Ministerio do Interior. Ata agora había cinco radares de tramo instalados pola DXT, un deles en Fene. Agora instalaranse tres máis en Galicia e os tres en estradas do norte: A Coruña-Carballo, Ferrol-As Pontes e Vilalba-Ribadeo. Non sei cantos novos se instalarán no territorio español nin como será agora a proporción radares-fluxo de vehículos, pero aínda pode que se acrecente a desproporción no noso prexuízo. Por suposto que hai que cumprir as normas de circulación, por suposto que cómpre pagar as multas, pero haberá que explicar as razóns desta manifesta e inxusta desproporción. Mentres temos algunha solución (legal, por suposto!) reclamar as competencias de Tráfico como teñen dende hai ben tempo o País Vasco e Cataluña. Alí tamén hai radares de tramos e convencionais, alí tamén poñen multas pero páganas eles e cóbranas eles. Por algures haberá que empezar para rachar o maleficio.