Camisas e libros

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz ofrece unha lectura dominical imprescindible para entendermos a sociedade civil: as vidas das empresas galegas, por Fernando Salgado. Non hai moito, o autor contou a dun grupo téxtil camiseiro cuxa desfeita seica se debeu á falta de visión de quen o gobernaba: non deu imaxinado que nunca se deixaría de vestir o conxunto camisa-gravata, mais que moitos profesionais pasarían a traballar de camisa sport. Algo semellante acontece no mundo do libro. Quen viaxa con frecuencia logo ve que no avión nunca falta xente a ler en formato dixital; e cos lectores pode pasar como cos usuarios de camisas: haberá clientes de camisa e gravata a cotío, outros ocasionais e un resto antigravata. Sempre vai haber lectores en papel, e tres universos de afeccionados á Literatura: o dos que rexeiten o formato electrónico, o dos que se vallan do que conseguiren para ler o texto do seu interese e o dos antipapel. As editoriais seguirán o camiño que lles marcan as fábricas de camisas, se non souberen servir todos os formatos a prezos axeitados para cada un (ollo: os dixitais moi baratos, para evitar tentacións).