Nulíparas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

24 sep 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

S egundo algún dicionario, ese palabro do título é sinónimo de, pásmense, «estéril» e «machorro». Empezo a entender, por isto, esta estraña maneira de proscribir ás mulleres que non teñen fillos, coma se fosen menos mulleres, coma se houbese que desterralas, insultalas e tratalas coma seres inferiores só porque son persoas de nulos partos. Así que o mellor é dedicarse a parir para que a unha non a insulten, para agochar a esterilidade coma delito. Supoño que nesa clase de bondade pensaba o ministro Gallardón cando se empecinou por todos os medios en obrigar a parir ás nulíparas voluntarias. Claro que eses dicionarios foron fabricados, polo menos, en 1965, naquela época na que ser multípara e ama de casa, esposa amantísima e nai abnegada, era sinónimo de perfección. No tempo no que a infelicidade causada pola falta de expectativas, o aburrimento, as síndromes de niño baleiro e a conciencia de que os nenos non son precisamente motores intelectuais, moitos homes eran coma o ministro de Xustiza, e estaban convencidos de que facían un favor ás mulleres axudándolles a non ser nulíparas. Ou, polo menos, axudándolles a ocultar a súa nuliparidade, de darse o caso. Seguramente é por esa manía de vivir en 1965 polo que os correlixionarios do ministro, que, malia todo, saben que a xente vota no 2015, decidiron deixar para os guateques e as festas de disfraces o seu gusto polos sesenta e darlle un toque a Gallardón, que ao final decidiu marchar, para gusto e alegría de todas as nulíparas que queren seguir séndoo e, en realidade, para calquera que crea que eliminar de facto o dereito ao aborto é unha barbaridade.

el portazo de gallardón