Diadas, referendo e Historia

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto O MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Francia da revolución construíu despois de 1789 o primeiro Estado identificado coa nación. Unha idea que a marea revolucionaria estendeu por todo o continente e aínda por grande parte do mundo. Nas Illas Británicas seguiron un camiño diferente, e máis precoz, ao abeiro da monarquía e do imperio colonial. Tanto no Reino Unido como na República Francesa o liberalismo primeiro e a democracia despois foron o sistema de goberno representativo da nación de cidadáns. Pero hai moitas diferenzas entre ambos. Por exemplo, aínda hoxe se ve que para o Reino Unido a nación é o mercado mentres para Francia o mercado é a nación. De aí o diferente comportamento co euro e a Unión Europea. O nacionalismo español (os nacionalismos peninsulares en xeral) sempre se quixo francés: aí o diferente comportamento de España con Cataluña e do Reino Unido con Escocia.

A identificación entre nación e Estado é un erro frecuente do nacionalismo de raíz francesa, pois esa identificación non sempre resulta posible. O nacionalismo español comparte ese erro pero co agravante de que aquí a revolución liberal na versión francesa foi sucesivamente freada, a última vez en 1939, e os vellos reinos, identidades e culturas aspirantes a nacións mantiveron un vigor non menor que os das catro nacións das Illas Británicas. Neste punto topamos co presente. A proposta de referendo impulsada polo Parlamento catalán, sobre a idea do dereito a decidir, está xerando un neonacionalismo español no que a nación orgánica, identificada co Estado e historicista en grao sumo, é ben diferente da nación liberal-revolucionaria definida pola vontade colectiva, sexa na versión inglesa do século XVII (pacto) ou na francesa do XVIII (uniformización). Nestoutra versión, a nación é preexistente, inmutable, derivada dunha especie de lei xenética social; definida pola historia entendida como unha condena. A Historia é un coñecemento que axuda a interpretar as razóns das mudanzas e das permanencias pero que noutra versión serve para construír nacións, a través de míticos relatos colectivos nos programas de estudos de bacharelato.

O outro grande argumento deste neonacionalismo español é a intocable lei constitucional que supostamente confirma a indisolubilidade e a indivisibilidade do Estado. Nótase que a Constitución de 1978 é anterior á lei de divorcio. Estase revisando de feito o nacionalismo español da Transición, xurdido dunha concepción aritmeticamente franquista e da oposición democrática: por iso fala de nacionalidades e por iso recoñece singularmente a historia daquelas cun Estatuto de autonomía plebiscitado na República. Galicia, Cataluña e o País Vasco pasaron a ser coñecidas por iso como nacionalidades históricas. Neste punto, topamos con nós mesmos. Desta deboura que comeza na Diada de mañá, continúa co referendo escocés do 18 e o -en interesada vulgata mediática-desafío catalán para un referendo de novembro, sairá algo. Aínda non sabemos que. Iso será a Historia. O País Vasco estará aí. E Galicia, a outra nacionalidade constitucional ¿que será dela? ¿Que valedores terá?