Para a nosa compañeira

María Pedreira COORDINADORA DE ENFERMARÍA DO 061

OPINIÓN

14 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado día 26 de xullo falecía a nosa enfermeira Natalia López Arias nun tráxico e múltiple accidente de tráfico que acontecía na autovía A-8 á altura da localidade lucense de Abadín. Quizais as circunstancias meteorolóxicas, tal vez, o azar, pode que os reveses da vida ou sen máis o destino converteron esta atención sanitaria na última da súa vida.

Ela, enfermeira da Fundación Urxencias Sanitarias Galicia-061, da base medicalizada de Foz, ao igual que o resto de traballadores do 061 dedicamos o noso día a día a traballar en lugares abertos, escenarios complexos, circunstancias perigosas, situacións de risco e tamén en espazos tan privados como os fogares dos nosos pacientes.

O noso obxectivo, por e para salvar a vida das persoas, non é outro que atender as emerxencias, asistir aos feridos, mitigar a dor, diminuír a gravidade das enfermidades, calmar os medos e as ansiedades, ser un apoio psíquico, ademais dunha man amiga. Nunha palabra: o que é a esencia da enfermería: coidar.

Pero... quen podería imaxinar que esa mañá, na que a nosa compañeira xa finalizara a súa quenda de traballo e se dirixía ao seu domicilio, acabaría converténdose na vítima. Ela, no seu altruísmo, xenerosidade, e sen dubidalo, unha vez máis como habitualmente realizaba, dispúxose a asistir a aqueles accidentados que necesitaban ser socorridos. E desgraciadamente xa coñecemos o desenlace.

Desde aquí a enfermería e o resto do persoal do 061 queremos expresar o noso orgullo, a nosa satisfacción e o noso pesar. Á súa familia e ao resto dos seus seres queridos. Unha aperta. Descansa en paz.