O val de Monterrei

Carlos G. Reigosa< / span> QUERIDO MUNDO

OPINIÓN

04 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O fermoso val ourensán de Monterrei é un dos espazos cun futuro máis singular, variado e prometedor de Galicia. Algo no que quizais non se está a pensar agora coa ambición e a claridade debidas, tendo en conta os concellos que agrupa (Monterrei, Oímbra, Verín, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós, cando menos). A noticia neste ámbito non pode ser a insólita ocorrencia dalgunha Administración do PP de que se instalen uns cuartos de hotel privado -ou un hotel enteiro- no castelo de Monterrei (espazo protexido), cando hai un parador en crise a moi poucos metros de distancia. Isto é coma pegar tiros no propio pé. Porque o necesario de verdade é facer un plan para o val que contemple todas as súas posibilidades de desenvolvemento.

Abonda con botar man da historia para enxergar as liñas mestras dese futuro, que pode e debe ser ambicioso. Refírome ás centradas no viño, no liño e no libro. O viño é un ben económico da zona, perdido hai tempo, pero agora feliz e virtuosamente recuperado. O liño, que xa foi cultivo na Idade Media, mantén un gran potencial económico, non en van a zona foi no pasado lonxa do liño para segadores e transeúntes mercadores, cunha fiadura máis recoñecida que a belga e a rusa. E, xaora, todo o que ten que ver co fío deberá estar vencellado ao mundo da moda, como sucede noutros sitios que poderían servir de modelos.

Respecto do libro e a industria cultural, está claro que o castelo de Monterrei debe aspirar a ser un núcleo de estudos, con capacidade para facer publicacións especiais. Se 43 anos despois de que Gutenberg inventase a imprenta se puido publicar aquí o Missale Auriense, o primeiro incunable de Galicia e o segundo de España (un misal agora depositado na capital ourensá), non sería desatinado pensar en proxectos de estudos vencellados a universidades, que xerarían aquí recoñecemento e riqueza e que permitirían recuperar a prestixiosa tradición editorial. Os proxectos empresariais, poderían contar con axudas da Unión Europea e deberían vencellar a expertos que están cerca do que as universidades necesitan. O desenvolvemento da zona (coa ollada posta na eurorrexión Verín-Chaves) permitiría deseñar un porvir integral para o castelo de Monterrei, que non debe acabar sendo unha pousada con fiestras só sobre o pasado. Porque pode e debe telas sobre o futuro.