Todos os meus veciños pastoricenses de Loboso, Lagoa, Cadavedo e Bretoña, coma os tamén veciños da banda mindoniense que empata con Abadín preto de Galgao, coñecen ben o poder da néboa que adoita pechar a costenta ladeira onde ten cova mítica o Rei Cintolo. Se os enxeñeiros que levaron a A-8 pola encosta de Mondoñedo consultaran con estes veciños, saberían que alí teñen o seu niño as brétemas máis mestas, bravas e desorientadoras da contorna. As mesmas que lle fixeron exclamar un día ao bardo Antonio Noriega Varela: «A néboa, tu sabes?, é ceguiña». Porque Noriega era de Mondoñedo e sabía do que falaba. Dunha cegueira que coñecían ben os veciños.
Ninguén os escoitou, por máis que, unha e outra vez, mostraran o seu desacougo e a súa preocupación, baseados en coñecementos atesourados ao longo dos séculos. Un deses homes era o meu pai, Venancio de Carracedo, morto hai catro anos; un menciñeiro de sona que atravesaba A Corda un día si e outro tamén. Máis dunha vez perdeu o camiño e a orientación na espesura daquelas brétemas. Nunha delas, tirou as rendas da egua e deixou que esta o levase ata a casa. Outra vez, indo sempre cara abaixo, logrou atopar o curso dun regato e seguiuno ata dar cunha casa coñecida.
Porque as néboas mindonienses das faldras do Fiouco hai que tomalas moi en serio, con autoestrada e sen autoestrada. Son unhas cegoñas pegañentas e mareantes que confunden e desconcertan. Eu tratei de describilas na novela A lei das ánimas. Todo o que alí dixen sobre elas sábeno os veciños da zona. Quizais por todo isto, lin con inmensa dor a noticia do «dantesco accidente por causa de néboa» do sábado na A-8. Sei que se tomaran medidas, sei que se puxeran balizas antinéboa, mais leo con pasmo que, ao parecer, non se vían! Sei que houbo vítimas (unha persoa morta e 49 feridas) e que moitos se salvaron saíndo dos coches para fóra das vías. O «Museo da Néboa», lle chamaba eu de broma a esta zona. Agora xa non hai espazo para isto. Hai que poñer todo o saber e todos os medios para evitar outra traxedia similar. Porque a néboa pode ser ceguiña, pero nós non deberíamos seguir sen aprender. Que falen os responsables, eses que ata agora parecían padecer dalgunha xordeira. E que fale a Xustiza se é o caso. Todo, menos que nada cambie.