¿Caben na Constitución española, e de que maneira, os republicanos que foron moídos a paus por exercer o dereito de se manifestaren e discrepar o mesmo día que era entronizado Felipe VI? E o mesmo aquelas xentes que, como vimos na televisión, foron impedidas de ir pola rúa levando un adhesivo na lapela coa bandeira republicana.
A crecente desigualdade, que en España supera a toda a Unión Europea, converte en letra morta os artigos da Constitución que proclaman a igualdade de todos os cidadáns e que impoñen aos poderes públicos o deber de contribuír a que esa igualdade sexa efectiva. Seis millóns de parados, máis de dous que viven na pobreza, un 50 por 100 da mocidade sen emprego nin perspectivas de telo... ¿caben, e de que maneira, na sacrosanta e intanxible Constitución española?
Quen proclama, xusto no inicio do seu reinado, que aí cabemos todos, ¿de que maneira podería convencernos da igualdade entre os banqueiros rescatados polo esforzo dos cidadáns verbo destes, ou da igualdade, por exemplo, dos sen vergonzas indultados polo Goberno e os expulsados das súas vivendas por non poderen pagar préstamos usurarios?
¿Pensa o señor rei entrante que caben nesa tan gabada como incumprida Constitución española as nacionalidades ás que se lles nega o deber de coñecer as súas linguas propias o só se lles consinte o dereito, que para ben pouco serve? ¿Alguén lle explicou o que isto significa na práctica ou que dimensión ten imposición semellante?
¿Non pensa, polo demais, se quen lle escribiu o seu discurso tiña moi viva na súa mente a doutrina joseantoniana das «cuerdas de la lira» e da tutela dunhas comunidades que nin a queren nin a precisan e que a refugan se lla impoñen? ¿Ou non sabe de que signo era aquela ideoloxía? Todo suxire que haberá continuidade, como corresponde á esencia mesma da monarquía.