Reinventando a roda

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

15 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O beato Sebastián de Aparicio Prado, natural da Gudiña, é venerado en México. Na igrexa dos franciscanos da cidade de Puebla, á que el emigrou cando non era máis cunha aldea, impresiona ver o seu corpo incorrupto 400 anos despois da súa morte. Ademais de atribuírselle case mil milagres, e a paternidade da celebración do hoxe tan mexicano «día dos mortos», Aparicio é lembrado sobre todo por ser o introdutor da roda naqueles lares: conmovido polo estado dos milleiros de indíxenas que carrexaban as mercadorías ás costas no mecapal, o emprendedor gudiñense fundou unha carpintaría na que fabricaba rodas e puxo en marcha un servizo de transporte con carretas.

Tráese a colación a fermosa historia de Sebastián de Aparicio porque unha cousa é descubrirlle a roda a quen non a coñece, e outra ben distinta reinventala; perogrullada manifesta que non sería necesario recordar se non fose porque parece que andamos, os paisanos do beato español, metidos no baldío empeño de reinventar a Constitución de 1978. Un exemplo tivémolo estes días co debate monarquía-república, que serviu para que moitos redescubrisen que o verdadeiramente esencial non é como se accede á Xefatura do Estado senón que esta estea completamente subordinada ao Parlamento. Outro exemplo (aínda que aquí máis ben podería falarse de redescubrir o Mediterráneo), témolo no informe sobre as consecuencias xurídicas da independencia elaborado por encargo da Asemblea Nacional de Cataluña e subscrito por nada menos que un ex maxistrado do Tribunal Constitucional, que pon como exemplo de entrada automática na Unión Europea sen previo tratado de adhesión á ex República Democrática Alemá; o que extrapolado a Cataluña sería algo así como recoñecer que a forma máis rápida para o reingreso na UE dunha Cataluña independente sería a súa reincorporación a España.

E un terceiro exemplo témolo en relación coa organización territorial do poder político en España. No barómetro de maio do CIS, e aínda que este dato non parece ter chamado moito a atención, pódese apreciar como se vai consolidando unha tendencia (para min preocupante) na opinión pública española. Hai catro anos (barómetro de xaneiro de 2010) só un 12 % dos españois propugnaba volver a «un Estado cun único goberno sen autonomías», e un 14 % a un Estado como o actual pero con comunidades autónomas con menor autonomía que na actualidade; mentres que o 40,5 % reafirmábase na situación actual, un 15 % pedía máis autonomía e un 7,3 % avogaba polo recoñecemento do dereito á independencia. Na actualidade, o 22 % propugna directamente a desaparición dos gobernos autónomos; o 10,4 % a redución do autogoberno; o número de adeptos ao Estado autonómico descende ata o 31,4 %; a favor de máis autonomía están o 8,8 %; e do recoñecemento do dereito a independizarse, o 12 %. En apenas catro anos, o Estado autonómico perde partidarios, pero o que máis sube é o número de persoas que desexan volver a un Estado plenamente centralizado. O país divídese en tres bloques case simétricos entre centralistas, autonomistas e quen desexa máis autonomía ou a independencia, cunha preponderancia dos que queren reforzar o centralismo. Nesta tesitura, de abrirse o debate sobre a reforma constitucional da organización territorial do poder, resulta plausible pensar que xurdiría unha confluencia cara algo moi parecido ao que xa descubrimos hai case catro décadas: unha organización cuasi-federal do Estado, que ben poderíamos volver a chamar «das autonomías máis ou menos simétricas».

O beato Sebastián de Aparicio non reinventou a roda, pero soubo adaptala a un mundo novo e sacarlle proveito para todos. Catrocentos anos despois, aínda o veneran en Puebla de los Ángeles, México. Quizás a do franciscano de corpo incorrupto sexa unha metáfora anxelical de máis.