«A beleza feriume para sempre»

OPINIÓN

17 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A medida que pasan as celebracións do Día das Letras Galegas -este ano chegamos á LII edición- imos debullando e esgotando a lista dos clásicos e o eloxio dos tópicos. E, aínda que iso nos obriga a entrar cada vez máis no eido do discutible, ou na gabanza hipertrofiada de literatos menores, tamén nos dá a ocasión de rescatar do esquecemento ou das minorías intelectuais a inmensos escritores e poetas, e de acompañar a súa lectura cos magníficos estudios que adoitan facerse, cada vez máis e mellores, sobre os escritores homenaxeados.

Neste ano 2014 coinciden as dúas venturas salientables, ao termos como referencia ao poeta Díaz Castro e a súa obra Nimbos, e ao podermos descubrir a súa profundidade estética, ética e ontolóxica a través de libros como A ferida da beleza en Nimbos, a obra recén publicada por Segundo Pérez López, arquiveiro e deán da catedral de Santiago, e teólogo eminente, na que quero enxergar a calidade e importancia cultural e literaria de tódalas análises propostas sobre o poeta de Parga.

Lonxe da avidez de publicar -que tantas promesas estraga-, e voluntariamente afastado do folclorismo antropolóxico a e da reivindicación social que, como caras dunha mesma moeda, dominaban o panorama da poesía galega próxima -anterior e posterior- á Guerra Civil, o poeta Díaz Castro ofrécenos unha obra lentamente madurada, íntima, serea e ben formada, na que acerta a converter en poesía o trespés do seu pensamento: a ansia vital da transcendencia; a formulación desta arela existencial en termos ontolóxicos; e a súa expresión ou comunicación vencellada a unha beleza que por intensa nos fire, e que feríndonos revívenos.

A ansia de transcendencia, ou a perspectiva teolóxica do seu pensamento, queda plasmada na sede que non se sacia, na luz que crea as mesmas cousas que ilumina, e no camiño que simboliza a orientación e o esforzo que constrúen o sentido da vida... i enfiou prás estrelas este berro de carne /a sede que non morre, vella coma os camiños.

O sentido ontolóxico desa ansia é a súa laboriosa conversión en fonte de vida, ou nunha realidade que só existe por ser vivida... A noite é necesaria / pra que ti poidas ver / sobre o medo i o mal / as estrelas arder. Unha proposta antropolóxica que se achanta na convicción dun mundo bo e coherente que chega dende Platón ata Leibniz. E a beleza, ese feito imprescindible, queda plasmada no fermoso verso que lle da título a este artigo homenaxe. Un xeito de dicir que lembra o dilema esencial que apreixou ao heroe Eneas cando tivo que elixir entre a fermosa Dido, que o deixara intimamente ferido, e o destino fatal que o impulsaba a principiar a historia de Roma. Tacitum vivit sub pectore vulnus, cantou Virxilio. Un suspiro que o tradutor Díaz Castro converteu na súa premisa maior: a beleza feriume para sempre.