A situación do Concello de Santiago é insostible, sinxelamente. Non vou facer o relatorio de imputados, presuntos delitos e imputacións que os cidadáns seguimos a cotío na prensa, de arrepío en arrepío. Tampouco de canta lindeza, baixeza, vulgaridade e trangallada coñecemos conforme se fan públicos os sumarios e as escoitas policiais. Non naceu o escritor coa imaxinación para darlle forma a esa novela negra por entregas. Menos aínda compre deterse na forma de falar entre os concelleiros -¡tan alambicada cando falan aos seus votantes!-, na vulgaridade das expresións, nas incorreccións da fala, sempre castelán por suposto. Nin das desagradables sensacións que temos cando comprobamos nas súas propias palabras e actos que converteron o Concello na finca particular para empregar a amigos, parentes, afiliados e veciños e facer favores con recursos públicos empezando por eles mesmos. Mellor non lembrar como están dispostos a calar pelotazos e trapalladas dos seus compañeiros de partido ou como asumen terse convertido en corruptos. Tampouco paga a pena deterse nas diferentes versións e titulares dalgúns medios de comunicación segundo a súa proximidade ou non cos partidos en liza.
Coido que para os cidadáns de Compostela tanto ten xa o que diga ao final a lei. Con todo o que levamos sabido, o desprestixio da equipa de goberno xa non se atura, porque os cidadáns sabemos ver, ler e entender. Esperemos que non presenten outra vez aos mesmos munícipes para ver se as urnas poden exoneralos, supóndolle aos votos un máxico poder segundo unha curiosa doutrina española e italiana, porque o dano que farían ao sistema sería incalculable e porque desta volta tampouco colaría. No tempo que dura este vodevil, o Concello de Santiago paralizouse. Non hai lugar para iniciativa política ningunha, pero ademais a Administración municipal está atoada pola ameaza, a sospeita e a evidente incompetencia que revelan as escoitas. E por unha corporación dividida non xa entre os partidos que a compoñen senón entre todos os concelleiros do PP, pois ás feridas pola sucesión de Conde Roa súmanse as do coñecemento público das opinións privadas duns contra outros.
O presidente da Xunta, como máxima autoridade, ten a capacidade de decisión e a potestade para solicitar a disolución da corporación e convocatoria de novas eleccións ou o nomeamento dunha xestora provisoria. Tamén é máxima autoridade no partido que goberna a cidade dende as últimas eleccións, ao que pertence o alcalde dimitido por fraude fiscal, o alcalde actual e a maioría dos concelleiros imputados coma el. A ansia dos imputados parece ser aguantar, estar aí, ocupar o lugar para que outros non o ocupen. Varias concelleiras, apupadas nunha inauguración e mesmo desagradabelmente seguidas polas rúas por manifestantes, recoñecían que as súas familias lles piden que abandonen, que dimitan. Teñen razón. Deberan facerlles caso ás persoas próximas que as queren ben. Pensan o mesmo que o 83 % dos galegos que non entendemos por que non dimiten. Se están no servizo público ese é o servizo que deben facer. Xa.