Crimea

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Van cen anos dende a Primeira Guerra Mundial, a que comezou co asesinato en Sarajevo do arquiduque Francisco Fernando de Austria, herdeiro do imperio Austro-Húngaro, o 28 de xuño de 1914. E van 161 anos dende o principio do guerra de Crimea (1853-1856), que en realidade foi a primeira da grandes guerras que logo habían de castigar todo o século XX, a cada cal máis feroz. Lendo estes días as tensións en Ucrania, atento á confrontación (unha vez máis) dos intereses económicos e xeoestratéxicos das grandes potencias, non podo deixar de pensar non nas leccións da Historia (que a Historia demostra que non damos deprendido case ningunha) senón nos ciclos, nas constantes que ás veces semella que volven con teimosa alevosía.

Cando a Guerra Fría, enfrontados os dous grandes bloques que se repartiron o planeta despois da Segunda Guerra Mundial, fixéronnos crer que o choque era ideolóxico: dous modelos, dúas filosofías, dous xeitos de ver o mundo, mesmo duas táboas de valores (sociais, éticos, morais, de xustiza e solidariedade). Os recursos despregados en propaganda por ambas partes foron espectaculares e chegaron prácticamente ata a década dos 90 do pasado século, cando cae o muro de Berlín. Agora non hai comunismo no poder, nin ameazas visibles contra o capitalismo dominante (agás a sua propia ambición, que acabará rompendo o saco). Mais velaí os vellos monstros, remoendo nas cafurnas.

Rusia xa non é a Unión Soviética. Mellor habería que asemellala, postos a comparar, coa Vella Rusia do zares: Nicolás ou Pedro O Grande, preocupada por manter a hexemonia no grande espazo do Leste. O imperio otomano xa non existe, nin o vello imperio Austro-Húngaro. Pero os intereses europeos seguen aí, ás veces cos mesmos nomes (Alemaña, Francia, Gran Bretaña), ainda que hoxe falemos da UE. Témome que por esta banda pouco podemos agardar. O espectáculo de egoísmos, desencontros, trampulladas e conflito de intereses que demos cando as guerras da exIugoslavia ,non anima ao optimismo: en moitos casos as prácticas seguen sendo as mesmas (amparadas nunha política común inexistente). E a maiores, mentres poidan, os Estados Unidos de América a xogar a partida en taboleiro alleo. Queda a China, orientada cara a África principalmente, e ocupada na estratexia de intervención económica nos mercados das materias primas.

Ben sei que a xente non le. Todo o máis ve películas de consumo rápido na televisión. Pero a memoria da historia existe, e algo poderiamos deprender se reparásemos nela. Crimea, en 1853, foi a primeira gran guerra coa intervención de potencias a gran escala, cando menos no ámbito occidental. Foi a guerra do telégrafo eléctrico, e da fotografía, e dos primeiros xornalistas que cubrían a información enviados polas grandes axencias para contar, ¡en vintecatro horas!, o que acontecía. Foi tamén a guerra do cine: a Carga de Brigada Lixeira de Michael Curtiz en 1936, con Errol Flynn, Olivia de Havilland e David Niven. Morreron 250.000 soldados e 750.000 civís. Rexorde de súpeto coma unha pantasma.