Ben sei que o asunto desta marea pode parecer frívolo e que hai cuestións moito máis graves que nos deben preocupar. Hai tempo que estamos instalados nunha vertixe de escándalo permanente, estado de auténtica alarma social (Gürtel, Pokémon, Vendex, Valencia, Aizoon, Instituto Nóos, cacerías en Botsuana, Bárcenas, ERE de Andalucía, contas en Suíza, Brugal, Fabra, Malaya.., por falar só dalgúns máis visibles), andacio que afecta practicamente a todo o sistema e que abafa tanto que case que no deixa respirar. Pensaba falar disto. Pero cruzóuseme, coma unha labarada, a programación de televisión: seica a audiencia decide quen representará a España no festival de Eurovisión a celebrar en Copenhague o próximo mes de maio. Para a xente da miña xeración, Eurovisión é Gigliola Cinquetti cantando Non ho l?età no ano 1964 e, despois, o caso Serrat en 1968. Non había máis televisión que a que había e o mundo parábase co espectáculo de masas. Joan Manuel Serrat foi o intérprete escollido aquel ano para representar a España, cun tema composto polo Duo Dinámico: La, La, la. A sorpresa (e o desconcerto oficial) xurdiu cando o cantante advertiu que non actuaría se non o deixaban cantar en catalán «que é a miña lingua», segundo anunciou nunha roda de prensa. Daquela xa puxaba a Nova Canço, andaban os Voces Ceibes a dar os primeiros pasos, Raimond prendera faíscas de entusiasmo na Residencia compostelana, os estudantes axitaban os campus e os cantautores impoñían unha estética e un discurso diferentes, dende Berkeley a Berlín. A posición de Serrat considerouse unha provocación, armouse a que o lector pode imaxinar, o cantante foi arredado dos circuítos oficiais e no seu lugar as autoridades televisivas escolleron a Massiel, quen por certo gañou o certame no Royal Albert Hall de Londres, acontecemento que o réxime celebrou coma un auténtico triunfo das esencias raciais. ¿Que pasaría se hoxe, a estas alturas da historia, algún dos candidatos ao festival decidise representar a España cantando en galego, en éuscaro ou catalán? ¿Imaxinan por un momento a reacción da caverna? Non teñan medo de que suceda. Das cinco cancións que se someteron a votación popular e á consideración dun xurado disque de «especialistas», tres estaban en castelán, e as outras dúas en inglés. Con algúns versos en castelán, pero en inglés, «unha mostra de modernidade», segundo os promotores do evento. No momento de escribir este artigo descoñezo cal das cinco foi seleccionada. Son os tempos. Seica cando decidiron substituír a Serrat por Massiel no 68 a preocupación era o posible resultado do certame. «¿E se despois de todo isto quedamos os últimos?», comentou daquela un alto directivo da RTVE. Á vista da deriva do festival, Chiquilicuatre incluído (2008), non parece que esta cuestión preocupe gran cousa. O ridículo está amortizado. Mesmo en inglés. Nada altera as esencias. Outra cousa sería que a alguén se lle ocurrise pensar que as outras linguas tamén existen.