Contrastes

La Voz FIRMA INVITADA

OPINIÓN

15 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasamento de Nelson Mandela. A súa figura é mundial e unanimemente enxalzada. Un recoñecemento cargado de razóns: Mandela pactou cos seus carcereiros a saída dun réxime político inhumano, por racista, e máis complexo do que se adoita pensar dada a multiplicidade de etnias coexistentes na Sudáfrica postcolonial. Actualmente, o país ten nove idiomas oficiais, ademais do inglés. Mandela non só practicou a reconciliación; tamén procurou o consenso constitucional, un obxectivo que se cumpriu, a pesares da autoexclusión dalgúns, como a minoría zulú. Mandela tamén foi loubado en España, mesmo por aqueles que non deixan de cuestionar a nosa transición e pacto constitucional de 1978. Un primeiro contraste: eloxiamos a Mandela, xusto por impulsar (e fixo moito máis) o que moitos consideran unha eiva na historia de España.

Pactar. Hai dez anos os poñentes da Constitución de 1978 se reencontraron no Parador de Gredos. Fixeron unha declaración conxunta, na que pode lerse: «Que, con la inmensa dificultad que suponía la puesta en pie de una nueva planta de organización territorial, prácticamente inédita en nuestra historia en su ambición y generalidad y alentada por el propósito genuino de conformar el orden jurídico constitucional a la realidad plural de España, el Estado autonómico representa el proyecto descentralizador del poder político más importante de la historia de España...». Engadían: «Que las eventuales reformas del texto constitucional que el futuro pueda aconsejar deben acomodarse a las reglas del juego que la propia Constitución establece; y abordarse con idéntico o mayor consenso al que presidió su elaboración». Dos sete poñentes, dous eran cataláns. Jordi Solé Tura non asistiu á reunión de Gredos, pero mandou a súa adhesión á declaración. Si asistiu Miquel Roca; o mesmo Roca que apoia hoxe a celebración dun referendo de autodeterminación, iso que Arzallus cualificaba, no 1978, como «virguería marxista». Piden pactar os que renegan do por eles mesmos pactado; chamativo contraste.

«Espectáculos de dereitas». Mañá tomarán posesión do seu escano no Parlamento de Galicia dúas novas deputadas. Unha delas ocupará o seu nas bancadas do Grupo Popular; a outra aínda non se sabe se o fará nas da coalición Alternativa Galega de Esquerda pola que foi electa. Esta última deputada declarou a La Voz de Galicia: «Pido disculpas al electorado, a la izquierda gallega, a los afiliados y a todos los simpatizantes porque este espectáculo que estamos dando parece de un partido de derechas». O Popular é, certamente, un partido que está á dereita de AGE. A incorporación da nova deputada ao Grupo Popular é o undécimo relevo que se produce nesta lexislatura neste grupo. Os 11 deputados e deputadas incorporadas foron todos eles benvidos; unha benvida que mesmo se lle podería desexar á persoa coa que mellor relación un puidese ter. E ningún destes 11 relevos ten producido un nivel de espectáculo parello, nin sequera semellante, ao que está a protagonizar a deputada «roja» de AGE. Un terceiro contraste, neste tempo outonal.

Investigacións recentes na área da cronoterapia, a ciencia que estuda a influencia das estacións no ánimo das persoas, salientan que a perda de luz solar propia do período outonal inflúe no inconsciente máis do que sabíamos. Os contrastes lumínicos, din estes informes, desasosegan o cerebro; mesmo ata o punto de facer ás persoas ver formas inexistentes, como pantasmas. Non sería capaz de saber se son fantasmais; mais contrastes, neste outono, semella haber de máis.