O 2 de decembro cumpríronse 50 anos desde que foi aprobada a Compilación de Dereito civil especial de Galicia, que era xa unha norma -estatal- obsoleta e apendicular, máis foi quen permitiu ás novas canles parlamentarias galegas sancionadas pola Constitución conservar, potenciar e desenvolver un dos trazos máis distintivos da cultura do noso pobo, que é o Dereito Civil. Dende que Castelao no Sempre en Galiza, Alfredo Brañas no seu Rexionalismo galego ou Vicente Risco ao artellar a súa teoría do noso nacionalismo se laiaban da ausencia de lexislación de Dereito Civil galego e da inadecuación do Código Civil á nosa realidade xurídica e social ata agora, en que temos capacidade lexislativa propia en Dereito Civil, pasou un longo período de tempo.
A lei de Dereito Civil de Galicia, que non podería existir sen a Compilación de 1963, constitúe un paso adiante de enorme importancia no ámbito xurídico galego, posto que ata o momento carecían de regulación e estaban prohibidas polo Código Civil as nosas máis importantes singularidades neste sector do ordenamento xurídico, que ten a máxima relevancia, ao afectarlles a parcelas da vida dos cidadáns que repercuten de xeito moi directo, como a propiedade, o aproveitamento da terra, a familia, as herdanzas...
O Dereito Civil é, xunto co idioma propio ou o territorio, un dos instrumentos máis preciosos de autoidentificación da nosa comunidade, polo que a vixente lei pode ser, con toda xustiza, considerada como a máis importante norma xurídica da comunidade autónoma emanada do Parlamento despois do Estatuto.
Non podemos esquecer que agora a lei está nas mans do pobo e na tarefa dos estudosos na teoría e dos aplicadores do dereito na práctica, e que aínda queda moito camiño por percorrer porque, sen dúbida, esta norma, como toda obra humana, é perfectible, pretendéndose aquí testemuñar unha vez máis a súa enorme importancia, e asemade, no 50.º aniversario da Compilación, servir de modesto homenaxe a todos os que traballaron, e mesmo loitaron, por facela realidade.
Domingo Bello Janeiro é Catedrático de Dereito Civil da Universidade da Coruña