15 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

H abía tempo que non volvía para casa rodeado de lumarada: fume en Rois, fume na Escravitude e no Saíme, detrás de Bastabales, fume no Outeiro e na Gándara, fume en Ames e en Brión, arredor de Santiago: ¡cen lumes en Galicia nun mesmo día!, como no 2006, ou parecido, cando o incendio cercou as cidades, sobre todo nas rías, e o mundo semellaba un inferno imposible de controlar. Daquela andaba a oposición fotografándose polas leiras con mangueiras domésticas. Hoxe están na Administración e a desfeita segue sendo a mesma. Secan as fontes e arden os montes, di o refrán. Mais engaden os veciños, paisanos de sempre: «Isto antes non pasaba». Antes. Cando o monte tiña unha lóxica na economía. A cacharela inmensa do Pindo non é máis ca un capítulo desta especie de agonía. Non se me ocorre outra descrición. Botarlle as culpas aos desgraciados que circulan estes días polas comisarías é unha maneira de distraer a atención. O problema é máis profundo. O monte arde porque ninguén terma del. Como din os veciños de Carnota: «Víase vir. Máis tarde ou mais cedo isto tiña que suceder».

Fernando González Laxe escribía hai unhas semanas nas páxinas deste mesmo xornal sobre o abandono e, ao mesmo tempo, as grandes posibilidades da nosa riqueza forestal, que representa arredor do 50 % do conxunto do Estado (madeira de rollo). O sector achega o 3,5 % do PIB de Galicia, 70.000 postos de traballo directos e indirectos. Seica somos a novena potencia no mundo tocante a produción (malia a nosa reducida extensión xeográfica se nos comparamos con Finlandia, Suecia ou os Estados Unidos). E non obstante, velaquí a situación. Un dato a considerar: a media de explotación das nosas propiedades de monte, as que están localizadas, é de dúas hectáreas, divididas en oito parcelas, mais unicamente o 3 % participan de fórmulas de cooperación con outros propietarios. O problema do monte en Galicia non é circunstancial, senón estrutural. Non hai que ser un experto para decatarse do que sucede.

Hai anos tiven ocasión de participar nun proxecto da Universidade de Santiago, financiado con recursos europeos, para poñer en valor o monte galego. Desenvolvemos un programa conxunto, en colaboración con varias comunidades atlánticas, que titulamos O Xardín dos Avós. Nel participaron rapaces e rapazas da Escola de Enxeñería Forestal de Lugo. Foi unha experiencia moi gratificante. Mozos e mozas que estudaban para a explotación racional do monte cuns criterios, unha vocación e uns coñecementos que evidencian que o capital humano existe. Só fai falla poñelo a traballar, cun deseño estratéxico, programación e recursos que ordenen (modernicen) a selva. ¿Banco de terras? Non o sei. Non son un especialista. Durante o Goberno bipartito intentouse. Pero non houbo tempo para máis, como pasou con outras iniciativas. O proxecto segue no papel, mais sen que apenas ninguén o active. Por razóns profesionais e académicas estiven a repasar estes días a Axenda Europa 2020. Será cousa de volver sobre a cuestión noutra marea.