Respecto á palabra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

27 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Que pouco respecto lle temos á palabra. Moi pouco. Case ningún. E iso que é o mesmo que non ter respecto por nós?

Lía hai uns días que a intelixencia humana é unha intelixencia lingüística. O que nos distingue dos animais é precisamente o xeito de comunicarnos. Din os avós que estamos perdendo os valores. Teñen razón. Xa ninguén aprecia a palabra, o primeiro, o que nos permite comunicarnos, avanzar, expresarnos, inventar grandes cousas e resolver os problemas. Ser unha persoa de palabra estaba por riba de calquera lei. Fiarse do que dixera non necesitaba outro aval.

Pero hoxe non é así. Un pode facer as declaracións que queira, que non pasa nada. Dende aquel famoso «que se jodan» da deputada Andrea Fabra, que provocaron un escándalo social pero que non tiveron ningún tipo de castigo, quedou claro que a palabra, na política polo menos, apenas ten valor.

Estamos afeitos a que prometan e non cumpran, polo que xa sabemos que a palabra non é garantía de nada. Pero é que houbo máis escándalos verbais dos nosos dirixentes. Todos impunes.

Teófila Martínez, alcaldesa de Cádiz, mestura o touciño coas redes sociais. Pero iso non é grave se o comparamos co que lle escoitamos ao alcalde de Baralla que vén de asegurar que as condenas a morte por ideais políticos foron correctas. Un atentado á liberdade de pensamento. Nin se lle pasa pola cabeza dimitir. E tampouco ninguén, novamente, o obrigou. Cómplices!

Porque a palabra, para esa xente, non vale nada.

Que tristeza. Que pobreza. Que vergonza.