Un día moi triste

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

28 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

P ermítanme que escriba hoxe dende a miña condición de director xeral de Editorial Galaxia, tal como fixen o pasado xoves algunhas horas antes da traxedia de Angrois. Agás os máis achegados, o mundo non sabía que Angrois existía, unha aldeíña, agora barrio, nas aforas de Santiago de Compostela, co seu campo da festa e as súas leiras de nabizas. Agora xa saben que existe. Igual que cando o Prestige. Para a inmensa maioría dos mortais, Galicia non viña nos mapas. Ata non hai moito, cando falabas polo mundo adiante do país, os teus interlocutores (cultos) confundíano no mellor dos casos coa Galitzia polaca. Agora hai máis xente que sabe de nós. Pero a que prezo. A fotografía que publicaba La Voz o pasado venres, co bombeiro levando no colo á rapaciña, deu practicamente a volta ao mundo, igual que aqueloutra das nosas xentes das rías loitando coas mans contra o chapapote.

Son os heroes anónimos, a xente do común, que se dispara cando as grandes demandas e é quen de diferenciar, en parte por instinto, en parte por intelixencia natural, a fariña do farelo, o importante do superfluo, por riba da faramallada dominante. O máis positivo, o máis estimulante é, unha vez máis, este anaco de condición humana que se levanta e reacciona. Logo, vén o outro.

Os erros humanos existen, forman parte de nós. Sen poñer o carro diante dos bois, agardemos racionalmente (razoablemente) os resultados das investigacións que deberán clarificar as razóns, circunstancias e responsabilidades da traxedia. ¡Determinar as do Prestige levou máis de dez anos! Non quero pensar nalgo semellante. Os erros humanos existen. Mais a técnica, a planificación, as regulamentacións lexislativas, as decisións politicas (determinando prioridades, marcos de actuación, aplicacion de recursos, etcétera) están precisamente para protexer e, chegado o caso, cubrir as deficiencias ou posibles fallos da condición humana, mesmo as súas limitacións. E nun Estado do benestar, ou simplemente nun Estado moderno nunha sociedade avanzada, estes principios son a garantía básica do sistema. ¿Que tecnoloxías e protocolos de seguridade temos nesta clase de servizos? O mesmo val para os aeroportos, rede viaria, dotación de hospitais, sistema educativo, etcétera, aínda que non haxa mortos. ¿Que actuacións se produciron para protexer a costa galega diante dunha posible catástrofe semellante ou parecida á do Prestige, por exemplo?

Pero non é o momento. Diante de nós están as vítimas. Permítanme que escriba, repito, como responsable executivo de Editorial Galaxia, á que este xornal honrou o pasado xoves co seu máximo galardón (o premio Fernández-Latorre) o mesmo día en que a Fundación Penzol ía recibir a medalla de Ouro de Galicia de mans das primeiras autoridades. O que había de ser para todos nós un día de festa e de celebración, tamén de agradecemento, virou de súpeto nun inferno: un dos días máis tristes das nosas vidas. Con toda a condolencia polos que xa non están e a nosa solidariedade para os que perderon os seus seres máis queridos.