Escribo K.O. Contemplo os noticiarios: pavor. Como se arribase a Galicia, no día de Nós, o tren inicuo do infortunio. O tren, que nos leva á luz? e ao túnel. Este vintecinco de xullo está gravado, con poutas de tigre, pola tristeza. E Galicia, que é o país alegre e farto do que presumo e presumimos, coloca a bandeira do negror nos seus catro puntos cardinais. Tres horas antes da medianoite: Santiago. E un aínda non sabe por qué. Cando golpeo as teclas do ordenador os meus dedos tremen, como se quixesen paralizarse. Gritan: alto, non continúes, para qué. Ela espera a volta de calquera recanto, agarda por cada un e distribúe as pezas do seu crebacabezas con diapasón horrible. Falo da desesperación. Creo que este xoves todos espertamos desesperados. Só queda levantarnos. Levantarnos outra vez, como fixemos mil veces mil. O tren ía cargado de ventura e horizonte. Cortaba o vento chegando a Compostela. E a desfortuna virou o seu rumbo. Escribo K.O., dicía. Non coñezo motivos do accidente. Antes de pechar a edición leo a web de La Voz e sei que o inferno habita sempre entre nós, Nós, con maiúscula este vintecinco de xullo. Non queda outro remedio que ser capaces de recuperarnos. Pero aínda non é hora. Neste instante toca sentir, protexernos, ser mellores do que somos. O tren camiño de Ferrol estourou en pranto. Aí, aquí, no corazón de Galicia, tres horas antes de que Santiago celebrase a anual esmorga: a felicidade compartida. Cómpre acougar. Cómpre mirarnos. Humanamente. Cercanos. O tren dóenos. A alma do meu país rompeuse tres horas antes da medianoite. En Compostela. É tempo de chorar.