Días de amañar a declaración da renda. Momento de facer reconto, e resumo. Tempo de cartos. De escaseza deles dende xa hai moito. Demasiado.
Facenda ten boa memoria. Encárgase de lembrar todos os cobros ao longo do ano sen fallar un. Non perdoa un só céntimo. Non esquece sequera unha factura. Curioso. Tan eficiente cos que fan todo legal e tan despistada cos que manexan cantidades inxentes de euros. Incomprensible. Incongruente. Non podo entendelo. É que non me entra na cabeza. Empezo a pensar que eu non estou feita para ter moitos cartos. Se un autónomo esquece entregar un formulario, aínda que tivese declarado escrupulosamente todos os ingresos, está obrigado a pagar unha multa. Pola contra, se Bárcenas ou Urdangarín se despistan na declaración millóns de euros, quizais non lles pase nada. Iso sen contar os erros de cambiar a titularidade de certas propiedades «reais».
Os bancos quedan cos cartos dos cidadáns e coma se nada. É máis, reciben axudas económicas da Unión Europea. Quen perdeu os aforros queda desamparado. E como por riba nos toman por parvos, chaman aos clientes para ofrecerlles os seus produtos (coa que está caendo coas preferentes). É máis, chegan a ofrecer seguros de vida. Todos prefeririamos protección dos cartos, para que non os volvan perder. Ás becas chámanlle esmola. Altamente preocupante, pero oxalá toda a caridade necesaria no mundo fose para poder estudar, e non para tapar os furados da fame. Aínda hai necesidades máis grandes (e primarias) que os estudos.