O albo a bater

Camilo Nogueira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

24 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Arrastras da crise hipotecaria de EE. UU., as consecuencias que desde o 2008 alcanzaron á Unión Europea acabaron por ser máis duradeiras e daniñas que no país norteamericano. Non ocorreu así no resto das principais economías, de China á India e de Sudáfrica a Brasil, alleas ao contaxio.

Esta non é unha crise máis entre as habidas en momentos de desequilibrios económicos ou cando a estruturación dunha unión cada vez máis estreita dos pobos europeos batía cos intereses particulares dos Estados, que cambalean a miúdo entre ser protagonistas ou antagonistas do proxecto institucional revolucionario emprendido após a hecatombe da Segunda Guerra Mundial. É un resultado da ausencia dun goberno político-económico harmonizador dos sistemas orzamentarios, fiscais, financeiros e comerciais dos Estados membros e garante da solidariedade, con consecuencias que sacudiron de forma moi desigual a economías pertencentes a unha mesma entidade. Pasados cinco anos, o desemprego do conxunto atinxe ao 11 % dos ocupados, entanto que o Estado español soporta un 27 %, cifra agravada dramaticamente entre os mozos, e en Austria non pasan de 5 % e 9 %, respectivamente. Sucede o mesmo coas primas de risco aplicadas aos xuros dos empréstitos, para algúns espoliadoras e para outros inexistentes ou negativas.

Crise política, a insolidariedade deu lugar á imposición de sacrificios desapiadados ás persoas en situación precaria e atraeu os ataques estratéxicos á economía europea polos poderes políticos e financeiros do capitalismo neoliberal e do fundamentalismo de mercado, combatendo mesmo ás institucións estatais democráticas concibidas como impulsoras do desenvolvemento económico e garantes da redistribución dos bens producidos, da permanencia e mellora dos servizos públicos e dos dereitos sociais. Institucións da UE atrevéronse a darlle un carácter interno a unha organización allea como o FMI, central entre as entidades financeiras e políticas que desde o que chamaron Consenso de Washington de 1989 propagan as ideas e prácticas do capitalismo ultraliberal. Puxeron ao raposo ao coidado das galiñas. Os ataques non se comprenden sen considerar que con 500 millóns de habitantes, sendo a primeira economía mundial -antes que EE.?UU. e China- e o centro do comercio mundial, a UE é a única entidade de dimensión continental na que predominan os servizos públicos e os dereitos do Estado de benestar: é o albo a bater.

A deriva insolidaria de parte dos Estados da UE non ten igual. Houbo momentos determinantes tras a queda do muro de Berlín nos que se tomaron decisións históricas tan distintas como a de facilitar a unificación de Alemaña, fundindo un Estado membro con outro exterior sen mudar unha coma dos Tratados, ou a de acoller dez Estados do leste de Europa que viñan dunha situación política e económica ben amolada.

Porén, o estado das cousas pode virar. Se nos últimos anos a UE foi hexemonizada por Gobernos conservadores ou euroescépticos (e algún outro que apoiou como presidente da Comisión Europea a quen fora o anfitrión da reunión das Azores que preludiou a Guerra de Iraq), a experiencia crítica e a desesperación acumuladas poden devir en afán de mudanza. As previsións sobre as eleccións alemás din que as formacións da esquerda superarían ás que sustentan a Angela Merkel. A diversa esquerda francesa quere outra política: Hollande ven de rexeitar receitas destrutivas indicadas pola Comisión. En Italia, con Enrico Letta o PD, que acaba de gañar nas eleccións municipais, pode desprenderse dun acordo con Berlusconi establecido ante a cerrazón do populista Beppe Grillo, agora diminuído. O que xa pasa en Dinamarca pode suceder no Reino Unido e noutros países. Anúnciase en Portugal. As previsións no Estado español dan unha maioría da oposición. En Galiza as forzas nacionalistas e da esquerda, que o ano pasado conseguiron a maioría do voto popular, poden asumir outro Goberno. Depende da comprensión que manifestaren sobre o estado da sociedade galega no entorno estatal, europeo e global.

Coas eleccións ao Parlamento do 2014 pode producirse un cambio radical. É significativo que o actual presidente da Cámara, o socialista Martin Schulz, pretenda encabezar a lista en Alemaña para despois optar á presidencia da Comisión co apoio dos grupos Socialista, Verdes-ALE, no que está o BNG, e Esquerda Unitaria Europea. Na lexislatura 1999-2004 distinguírase por un duro debate con Silvio Berlusconi. Este deputado galego tamén o cualificara no plenario como o defensor da «loita de clases dos ricos contra os pobres».

Camilo Nogueira é economista e exeurodeputado do BNG