«Me la vas a pagar en quesos»

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Aurelio, veciño de Boimorto, aparecéuselle unha xitana cando ía camiño de Melide para coller o Freire a Santiago. O Aurelio non quixo darlle dúas pesetas a cambio da boaventura, e como tiña medo de perder o coche, ao final foi un tanto desconsiderado. A xitana espetoulle: «Toda esta falta de respeto me la vas a pagar en quesos».

O Goberno de España tamén ten présa (e fai ben) por subirse ao coche da eficiencia do gasto público, no contexto dun axuste obrigado polos minguantes ingresos que xera unha economía en recesión e os elevados custos que soporta polo endebedamento que se precisa para manter o gasto social e os investimentos. Un coche da eficiencia e sostibilidade que xa perdemos no pasado, cando se puido organizar un gasto público máis sostible ao longo do ciclo económico e se optou por consolidar compromisos de gasto futuros que só eran sostibles desde a imposible perspectiva da permanencia infinita na fase alcista do ciclo. Non subirse ao coche das reformas fiscais, da loita contra a fraude fiscal e, simultaneamente, do axuste cara o equilibrio estrutural entre ingresos e gastos públicos (para poder incorrer en déficits ou superávits de acordo coa evolución do ciclo económico) só ten, en realidade, unha alternativa, a mesma que afrontaba o Aurelio: a de quedar tirado na lama, enzoufado entre débedas públicas e tipos de xuro cada vez máis altos que lastran e mesmo impiden o crecemento.

Na procura da eficiencia do gasto e dos ingresos públicos, os españois temos sido pioneiros. Xa no primeiro terzo do século XV o rei Juan II, da casa Trastámara (e polo tanto, de aquí o lado; ou mellor dito, do outro lado do Tambre), outorgou unhas completas ordenanzas reguladoras dos contadores mayores de Cuentas, corpo encargado de reclamar as débedas impositivas, os impostos recadados e non ingresados, e no seu caso impoñer multas. Unha longa tradición histórica seguida nos nosos tempos, con acerto, coa creación do Tribunal de Cuentas na Constitución de 1978 (artículo 136), e do Consello de Contas no noso Estatuto de Autonomía (artículo 53.2), que son os órganos encargados de exercer o control externo do gasto público na súa dobre vertente: o control de regularidade (que se refire á legalidade e á comprobación da veracidade dos estados contables); e o control operativo (que se centra na comprobación e avaliación da adecuación do gasto aos principios de economía, eficacia e eficiencia).

Ao longo do tempo tanto o tribunal estatal como os autonómicos veñen desempeñando razoablemente ben as funcións de control de regularidade; pero apenas no operativo, fundamentalmente pola falla de medios persoais cualificados que deriva da insuficiente dotación orzamentaria que teñen para dar cumprimento a este obxectivo. Unha laboura que tamén se resente pola falla dunha mellor coordinación entre o tribunal estatal e os autonómicos (unha eiva que só comezou a corrixirse con Manuel Núñez na presidencia do Tribunal de Cuentas, como testemuñan os acordos para a rendición de contas polos concellos indistintamente ante calquera deles); porque a coordinación permitiría aplicar criterios homoxéneos e cubrir moitas máis áreas de risco no desvío do gasto público. Se de economía, eficacia e eficiencia do gasto estamos a falar, o que se precisa é máis e mellor control externo, e moita máis coordinación entre os órganos de control externo. E practicamente o mesmo podería dicirse doutros servizos públicos duplicados.

Ao seu regreso a Boimorto desde Santiago, o Aurelio atopouse a súa muller rodeada de veciñas e chorando a bágoa viva: uns ratos comeran os excelentes queixos que fixeran e que lle vendían a bo prezo a un tratante de Curtis que os levaba para Vigo. Non vaia ser que entre présas e desconsideracións lle ocorra ao Goberno de España o mesmo que lle aconteceu ao Aurelio, o feirante de Cunqueiro: por aforrar dúas pesetas foron os ratos os que comeron os queixos.

Pedro Puy é portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia