Na praza Taksim

OPINIÓN

O que liamos na prensa e viamos na televisión non tiña nada que ver co que presenciamos na mesma praza Taksim: ambiente de festa, moita bebida, moita esmorga, moitas bandeiras, grandes e pequenas, moitos urros... Todos os comercios abertos. Ningún policía, nin na praza nin nas súas inmediacións. E moitos gatos; nunca tantos vin nunha cidade. Ao menos, así era no luns, día 10.

O noso guía convenceunos de que non pasaba nada, e que, para que estivésemos tranquilos, iría a súa filla, duns vinte anos, connosco. A praza, iso é certo, era unha esterqueira, pero non moi diferente do que ocorre nos nosos botellóns. Un botellón nunha cidade de quince millóns de habitantes.

Non quixera darlle a razón a Erdogan, pero aquí está claro que a situación que debuxaron e seguen debuxando os medios dista un pouco da realidade. Non sei se, como el dixo, existe unha conspiración contra Turquía ou contra o seu Goberno; pero si que ten que haber uns intereses que moven a opinión nunha dirección prefixada.

A pregunta é que intereses hai detrás dando unha imaxe mal avida coa realidade. ¿Os islamitas, que teñen atado a Erdogan e que van conseguindo facelo recuar nas súas pequenas reformas, que é para eles case o gran Satán? ¿Ou a prensa occidental empuxada polo poderío económico alemán, que non quere nin oír falar do ingreso de Turquía na UE, un país cun número de habitantes semellante ao alemán? ¿Ou quizás unha e outra cousa?

Moi ben pode ocorrer que, entre os islamitas e os gobernantes alemáns -rara alianza inimaxinable, pero que teñen en común o sectarismo nacionalista- consigan afastar a Turquía da UE. Os tempos están moi propicios para que eses e outros sectarismos agromen, collan corpo e se impoñan. E non só en Turquía, infelizmente.