Somos pobres

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Somos pobres. Tan pobres que xa nin nos decatamos. Menos mal que as novas e os números nos volven á realidade. Só a Asociación Dignidad reparte a diario alimentos para 750 familias no polígono lucense de O Ceao.

E hai titulares peores, sacados deste mesmo xornal: En Galicia 120.000 persoas viven en pobreza severa. E 650.000 están en situación de exclusión social, segundo un informe de Cáritas Interparroquial. Non hai traballo para ninguén máis, pero si novos despidos para moitos outros. E ERE. E concursos de acredores. E desafiuzamentos.

Somos tan pobres que os nosos Gobernos non son quen de plantarlle cara aos bancos para que devolvan os cartos das preferentes e subordinadas. Tanta miseria que os ricos poden ser máis ricos, e os pobres, sen dúbida, moito máis pobres. As políticas non protexen ao cidadán medio, só aos grandes empresarios, cos seus paraísos, fiscais e terreais.

Que pobres somos? Xa non nos queda nin dignidade, como o nome da asociación de Lugo. Deberiamos asociarnos, si, o pobo enteiro, para dicir en voz alta que estamos asoballados, que non podemos máis, que están espremendo tanto que xa fan dano. Di o refrán que Deus aperta pero non afoga. Pero os políticos non son unha divindade, e afogan. Nin eles poden comportarse coma tal, nin nós tratalos igualmente. Algúns, iso si, parece que non viven na terra. É tempo de pousar os pés nela e abrir os ollos, porque a terra vai ser o único que quede.