Un ve a palabra e non pode deixar de mirar para ela. ¿Que será Kowabunga? E cando fixas os ollos, descobres que, por se fose pouco, é o encabezado dunha nota necrolóxica. Unha mensaxe de despedida, que soaba máis ben a poema.
Non me gustaron as despedidas, xamais. Pero cando eu me vaia, penso que estaría ben deixar unha coma a de Juan María Abeledo Romeo, que era quen asinaba a enigmática nota. «Na corrente da Punta, a derradeira onda, na Erbosa, o último robalo?». Noventa e sete anos cando dixo «voume». E ata entón, sempre feliz, sempre vestindo de cores ledas, sempre sinxelo e sempre axudando aos demais. Juan María era un adiantado ao seu tempo. Non descubriu o surf ata que era un sesaxenario, e mantívose subido á táboa dúas décadas. Din que hai anxos que baixan á terra? e tamén os hai que voan sobre as ondas do mar. Salvou a vida de 30 persoas na praia de Doniños. E fíxoo moito antes de que existise o servizo dos socorristas, por simple congruencia coa súa persoa. Máis que un mérito, para el era unha consecuencia de si mesmo. Juan Abeledo é kowabunga, palabra que semella saída duns debuxos animados, e que empregan os surfistas, co significado de fantástico e grandioso. É a derivación dunha palabra hawaiana. Non atopei outra mellor para definir esta personalidade tan marabillosa, un heroe anónimo dos que fan que o atopar a súa historia entre as desgrazas dea sentido ao sorriso diario. Era tamén un socorrista da felicidade.