Devalo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A sensación aparece máis a miúdo. Un sente que a vida vai nun barco á deriva, sen rumbo fixo, sorteando proxectís. O devalo vai collendo cada vez máis velocidade, tanto, que acabamos desorientados. Nin sequera as estrelas do firmamento, que levan aí toda a eternidade, poden guiarnos, hai tanto fume rodeándonos que se nos mete nos ollos, proendo, e non vemos.

Son tantas as balas a esquivar, que perdemos a conta das que imos deixando atrás cada día. Cada segundo, un novo problema, polo que é sinxelo esquecer o anterior. Bárcenas e todas as súas declaracións, xestos e denuncias. De esguello, lostregan os ERE que levan meses coleando. Volve o caso Gürtel, pero case de maneira efémera. Espidos diferidos.

Dan ganas de mirar fóra. E facémolo, ao lonxe. Chipre. Asustámonos cun posible corralito. E comezan a soar voces afastadas negándoo. Aquí, pídennos comprensión coa complexa situación, e que sexamos conscientes de que hai que facer sacrificios. O medo convértese en pánico. De Chipre a España nun segundo? así voan os problemas. Bancos pechados e caixeiros que racionan os cartos. Mellor volver á casa, pero aumenta o número de parados, os asasinatos e violencia de xénero. A fame. Continúan as protestas polas preferentes con expectativas cada vez peores. Non mudou a actitude ante os desafiuzamentos: suicidios e xente que ten a rúa por vivenda.

¡Case esquecía a Bárcenas! Coa marea de ondas descomunais, estivo a piques de salvarse.