Dúas señoras novelas

Xavier Alcalá< / span> A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Recentemente, Culturas de La Voz ofrecía un abano de títulos sobre a barbarie destrutiva do nazismo e os campos de exterminio. Cualificábanse os textos de «novela histórica», categoría que admite desde intrahistorias de feitos coñecidos a revelacións dos que nunca se fixeran públicos, pasando por fábulas de grande verosimilitude segundo a historia. Volvendo á bestialidade que arrasou Europa, habería dúas señoras novelas que engadir aos títulos presentados. Son La bibliotecaria de Auschwitz e Laura no deserto.

Toni Iturbe, autor da primeira, é xornalista por formación e director de revista literaria por profesión. Das súas aventuras vitais xurdiu o aviso de que en Auschwitz houbera unha biblioteca clandestina cunha ducia de libros; e foi atopar a bibliotecaria en Tel Aviv. O texto é tan perfecta reportaxe novelada que o lector non precisa facerse cómplice do fabulador para mergullar na historia.

Antón Riveiro Coello, autor da segunda, é estrela de imparable ascenso da narrativa en galego. Desta volta deixa os lectores sen folgos na carreira de pasaren páxinas bordadas por quen sabe facer novelas, non pegar contos con visibles costuras. A súa Laura é moito personaxe; e as vidas dela, resumidas nunha, lembran a filigrana incestuosa de Eça en Os Maias. A bibliotecaria xudía, Dita, e a fotógrafa libertaria, Laura, fan sentir aos lectores o noxo da vida infrahumana e a forza descoñecida que leva a algúns a sobreviviren... En fin: dúas señoras novelas.