A o final, trabucáronse. Refírome ao presidente Feijoo, o conselleiro de Cultura e Educación e máis o secretario xeral de Política Lingüística.
O primeiro trabúcase por empecinarse en recorrer a sentenza do TSXG que obriga ao Executivo a modificar o chamado decreto de plurilingüismo no punto sobre o carácter vinculante da consulta arredor da lingua vehicular do ensino. Non só erra ao pretender impor algo que, desde un punto de vista educativo, é un despropósito, senón tamén ao obviar as súas responsabilidades como presidente: recorrer ao Tribunal Supremo para resolver dúas cuestións (ensino e lingua) nas que, segundo os artigos 27 e 31 do Estatuto de Autonomía, o Goberno galego ten competencia exclusiva, implica que o presidente incumpra cometidos para os que foi elixido. Curiosa honra lle toca.
O conselleiro Vázquez tamén se trabuca. Por seguir enredando nun asunto gastado que responde a unha decisión doutro tempo que xa se volveu contra el, e por non ser quen de construír unha serie de xestos que atraian cara a el a todo un sector cultural e educativo que, sen dúbida, estaría disposto a arrimar o ombreiro se a súa actitude fose outra.
E por último está o secretario de Política Lingüística quen, no caso de non lograr convencer co seu criterio experto nin ao conselleiro nin ao presidente, erra ao permanecer nun cargo que semella decorativo. E se non se pronunciou sobre o asunto, trabúcase en contribuír a unha política lingüística que atenta contra o idioma propio, algo que tamén o segue a converter en decorativo. Eu, amigo Valentín García, cargaríame de dignidade e dese respecto polo galego que sempre amosaches, e deixaríaos sós.