D íxoo así: «Os nosos pais e avós queixábanse menos e traballaban máis». Deixando á parte que tal afirmación do presidente Núñez é discutible, o que me amola dela é a nostalxia que destila, esa sorte de cántico esperanzado do tempo que protagonizaron esas xeracións ás que se refire: o tempo no que España viviu baixo un totalitarismo que reprimía a queixa e promovía iso do que tanto gustan algúns dos nosos mandatarios, o silencio. (¿Lembran aquilo das «maiorías silenciosas» de Rajoy?). Pero non me fagan moito caso, que ben saben que eu son máis de pedirlles aos nosos políticos que prediquen co exemplo, e nese punto tampouco me parece a min que estea libre de pecado nin o noso presidente nin ningún dos seus colegas.
O cerne do asunto, coido, non son as disquisicións desta columnista tan repugnantiña, senón se, efectivamente, a fórmula para saír deste desastre está en queixarse menos e traballar máis. Sendo prácticos, queixarse, por pouco que lle guste ao presidente, adoita calmarnos bastante. Debería aledarse de que algúns só nos queixemos en lugar de pasar á acción directa. E o de traballar, como dirían os 267.000 parados que segue habendo en Galicia, ¡quen nos dera! Pero non parece a solución: os afortunados que aínda conservamos un posto, xa traballamos máis, cobramos menos, e a crise aí segue.
Aínda que, pensándoo ben, quizais o presidente se refería a si mesmo. Debe de ser iso. Ademais, el sabe mellor que ninguén que os galegos, en vez de queixarnos, emigramos. Co que parece que o único que queda aquí que se queixa e, podendo, non traballa abondo, debe de ser el.