Descrición dunha realidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

16 dic 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

D úas alumnas mexicanas, unha de México D.?F. e a outra do estado de Tamaulipas, presentaron hai uns días na clase o seu proxecto de cuadrimestre sobre a creación dunha empresa de cultura. Un pequeno (non por iso menos operativo) proxecto de animación teatral. Dúas ou tres persoas coma primeira base de creación e de xestión. Estratexias de promoción e comunicación para captar clientes. Definición do público obxectivo? Chegados a este punto, na comparación con outros proxectos, a realidade dispárase: só na cidade de México o público potencial ascende a 22 millóns de persoas, das cales unha porcentaxe moi alta son rapaces entre catro e doce anos, familias con tres e catro fillos, e o proceso segue a medrar nesta dirección. A pirámide de poboación está clarísima. Todo o contrario ca a europea, xa non digamos a galega. O INE vén de presentar estes días as cifras do 2011. Asturias e Galicia son as sociedades máis envellecidas e con menos taxa de crecemento do Estado español e, por extensión, da Unión Europea. Dentro de 25 anos, se non se produce un milagre, o país pode acadar un punto de difícil retorno. Este é, sen dúbida ningunha, o noso gran problema de futuro: a demografía. E non parece que nin dende os estudos técnicos nin dende as estratexias políticas se formulen solucións. Nin grandes nin pequenas. Dende os programas políticos se apunta o problema, mais sen propostas para corrixir a derivada, alén de pronunciamentos retóricos.

A viabilidade dunha sociedade sostense sobre dous factores básicos: o territorio (a poboación) e a capacidade para xerar riqueza cualitativa (I+D+i). Cando a poboación é escasa ou moi reducida, como sucede en moitas poboacións europeas, a ecuación pode compensarse co desenvolvemento do segundo elemento: a creación de riqueza a partir do coñecemento (ciencia e tecnoloxía, capital humano cualificado, produtos con alto valor engadido). Estes produtos son o resultado da investigación, das capacidades que esa poboación cuantitativamente menor pero altamente cualificada ten para ofrecer (e exportar) algo diferente, a partir do coñecemento (creatividade) e a través de empresas capacitadas para producilo e distribuílo alén dos espazos ou mercados interiores. As axudas políticas, que deben concibirse como estímulos económicos (non simples subvencións), teñen sentido na medida en que avivan estas liñas de creación, case sempre necesitadas de inxeccións públicas, configuradas como apostas a medio e longo prazo. Os países máis avanzados dedican a este capítulo unha parte moi importante dos seus orzamentos estratéxicos.

A realidade dos últimos tempos é exactamente a contraria. As universidades veñen de denunciar ata un 80 % de diminución destes recursos. A secretaria do Estado de I+D+i, Carmen Vela, recoñece que a merma dos orzamentos para tales funcións son as máis severas da democracia, e non parece que haxa intención de corrixir a derivada. Podería dimitir do cargo, mais tampouco é unha solución.